Bueu reivindica os Premios Johan Carballeira como compromiso coa tolerancia e a memoria democrática

Xosé L. Mosquera e Lois Pérez recolleron onte os seus galardóns cunha defensa dos valores que representaba o alcalde fusilado | “O seu legado está moi vivo”, afirmou o alcalde

Arriba e de esquerda á dereita: Lois Pérez, Manuel García, Xosé L.Mosquera, Carmen García e Félix Juncal.

Arriba e de esquerda á dereita: Lois Pérez, Manuel García, Xosé L.Mosquera, Carmen García e Félix Juncal. / Fdv

Bueu celebrou onte a cerimonia de entrega dos seus premios máis senlleiros, que levan o nome de Johan Carballeira. Un acto co que se culmina a programación con motivo do Día das Letras Galegas e que nesta ocasión foi quizais demasiado íntimo en canto a asistencia, no medio dunha fin de semana de campaña electoral e ateigada de eventos culturais por toda a comarca do Morrazo. Aínda así resonou con forza unha mensaxe que entronca directamente coa figura de José Gómez de la Cueva “Johan Carballeira”: o compromiso cos valores democráticos, a tolerancia e a defensa das causas xustas.

Os Premios Johan Carballeira son desde hai tempo un referente en Galicia. O de poesía cumpre xa 27 anos e nesta ocasión recaeu en Xosé Luís Mosquera polo poemario “Trece maneiras de mirar un almanaque”. Mentras, o de xornalismo chega ás 21 edicións e o último premiado é Lois Pérez, cun artigo publicado na revista “Luzes” baixo o título de “Eloxio do apenovismo”. Ambos estiveron presentes onte en Bueu para recoller estas distincións e non desaproveitaron a ocasión para referirse á figura de Carballeira, que foi fusilado na madrugada dun 17 de abril de hai xa 87 anos.

Un momento da cerimonia de entrega dos Premios Johan Carballeira, cos galardoados e representantes do Concello de Bueu.

Un momento da cerimonia de entrega dos Premios Johan Carballeira, cos galardoados e representantes do Concello de Bueu. / T.G.

“Cando me presentei a este certame era consciente de que non me presentaba só a un premio de poesía, senón a un premio cun nome detrás e era consciente do que representa Johan Carballeira”, explicou durante a súa intervención Xosé Luís Mosquera. O profesor e poeta aproveitou para adicar “o meu humilde poemario a todos os José Gómez de la Cueva que houbo e que por desgraza seguirá habendo, vítimas de todas as accións vándalas que a humanidade non deixa de repetir”. Rematou confesando que “son pesimista e non creo que a poesía poda contribuír ao seu fin”, mais tamén defendeu que “por desexalo e por intentalo que non sexa”.

Un camiño semellante seguiu o gañador do premio de xornalismo, Lois Pérez, que recoñeceu que non é xornalista [é mestre, contador de historias, poeta, escritor e guionista e ten publicado diversas obras de literatura e poesía infantil] pero que reivindicou o papel do xornalismo independente, que informa dos feitos e cun compromiso coa verdade. “Reivindico ese papel, sobre todo no contexto actual, tamén no noso país”, suliñou. No seu discurso lembrou a xa famosa carta que Johan Carballeira lle fixo chegar a súa parella, na que era plenamente consciente de que ía ser fusilado e na que lle dicía “Lolita, Lolucha, morimos a las siete”. Lois Pérez, cunha curiosa “tristeza esperanzada”, aproveitou para defender que “o que nunca morre é o compromiso cos valores da tolerancia, respecto, entendemento, paz e a memoria democrática”. “Iso si que non morre nunca”, enfatizou no final da súa intervención.

Un momento do espectáculo "Indóciles", con Vero Rilo, Nuria Vil e Mónica de Nut.

Un momento do espectáculo "Indóciles", con Vero Rilo, Nuria Vil e Mónica de Nut. / T.G.

Estes premios están convocados polo Concello de Bueu e Asociación Amigos de Johan Carballeira e os seus representantes tomaron a palabra para abrir e pechar o acto. O presidente da asociación, Manuel García Mosteiro, destacou a consolidación destes galardóns, que “están plenamente consolidados e fan de Bueu un referente” e desexou que se manteñan vivos “moitos anos máis”. Pola súa banda, o alcalde, Félix Juncal, amais de felicitar aos gañadores, recordou que tanto o xornalismo como a poesía foron “os vehículos que usou Carballeira para defender as causas xustas” e que son a proba de que “a palabra é unha ferramenta que aporta luz e axuda a facer deste mundo un lugar mellor”. Non desaproveitou a ocasión para defender que 87 anos despois do seu asasinato o antigo alcalde segue a ser “un faro diario e o seu legado está moi vivo entre nós”. E reivindicou que estes Premios Johan Carballeira “hai esperanza, semente de presente e de futuro, sen esquecer nunca o pasado e a historia do que fomos”.

A cerimonia contou con representantes dos grupos municipais da corporación e rematou cun espéctaculo ao redor da obra de Luísa Villalta, “Indóciles”, con Vero Rilo, Nuria Vil e Mónica de Nut. A concelleira de Cultura de Bueu, Carmen García, aproveitou tamén para recordar que un dos obxectivos dos Premios Johan Carballeira é fomentar a creación en lingua galega. “Por iso este ano presentamos a proposta do certame ás subvencións da Deputación para as accións de dinamización do galego”, avanzou.

Suscríbete para seguir leyendo