Entrevista | Xosé Luís Mosquera Premio Johan Carballeira de Poesía

“O galego está na UCI, pero iso non quita que se diga que a poesía galega vive unha época dourada”

“O certame de Bueu é especial, ten un elenco de premiados que son referentes”, afirma

Xosé Luís Mosquera, novo Premio Johan Carballeira de Poesía.

Xosé Luís Mosquera, novo Premio Johan Carballeira de Poesía. / Fdv

Bueu

A Concellería de Cultura de Bueu vén de convocar esta semana os xurados para a concesión dos seus Premios Johan Carballeira. O de poesía, xa con 27 edicións, é un dos máis senlleiros dentro do panorama poético galego e nesta ocasión o gañador foi Xosé Luís Mosquera. O xurado composto polo gañador da edición do ano pasado, Manuel López; a poeta e crítica literaria Oriana Méndez; e o profesor da Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo Xosé Enrique Costas escolleu entre os 55 poemarios presentados “Trece maneiras de mirar un almanaque”.

Xosé Luís Mosquera (Guísamo, 1961) é mestre en Secundaria desde 1990. Antes do Premio Johan Carballeira xa recibiu outros importantes galardóns en Galicia: o X Premio Concello de Carral por “Nadja c’est moi”; o accésit do XXVII Premio Esquío de Poesía; o XX Premio Concello de Carral por “Das árbores tropicais e do amor”; o IV Premio Xosé María Díaz Castro por “A traxedia da arquitectura” ou o XX Premio Fiz Vergara Vilariño por “Parhelio”.

–Como acolleu a nova da concesión do Premio Johan Carballeira de Poesía deste ano?

–Con sorpresa, por suposto, e con alegría. Un preséntase sempre a un certame coa esperanza de gañalo, aínda que son perfectamente consciente do difícil que é. Perdín moitas máis veces das que gañei, sei ben o que digo.

–No seu currículo xa figuran un bo feixe de galardóns poéticos. Este de Bueu ten algo de especial con respecto a recoñecementos anteriores?

–Claro que ten algo de especial. É un certame moi consolidado, con prestixio, cun elenco de poetas premiadas/os que son referentes da poesía galega actual. Por enriba diso, por se fora pouco, o feito de honrar a memoria de Johan Carballeira outórgalle un valor que vai moito máis alá do poético, do literario. Calquera dos libros que foron premiados levan enriba o nome do mártir, son portadores dunha carga ética, dunha responsabilidade. Son moi consciente diso.

–A que alude ese título de “Trece maneiras de mirar un almanaque”? Hai algún fío conductor entre os poemas?

–O título explícase nunha pequena introdución coa que se abre o poemario. En realidade é unha perversa manipulación dun famoso poema do poeta americano Wallace Stevens, “Thirteen ways of looking at a blackbird” (Trece maneiras de mirar un merlo). E si, os poemas van implicándose uns con outros coa súa particular arquitectura. Ou iso creo eu.

–O xurado no seu fallo fala dun poemario no que “combina con habelencia múltiples rexistros dende o culto ao popular, con imaxes inesperadas e fragmentos de maior narratividade”. Como afrontou a escrita deste poemario?

–Teño que confesar que case nunca sei como afronto a escrita dun poemario. Teño a sensación de que é o poemario o que caprichosamente se vai mostrando como quere, sen que eu poida facer outra cousa que non sexa recibilo. Parece unha estupidez, pero é o que realmente podo dicir ao respecto.

–O xurado vai incluso máis alá e asegura que “Trece maneiras de mirar un almanaque” contribúe “a consolidar o panorama poético das Letras”. Como cre vostede que esta o panorama poético en Galicia?

–Non son eu quen teña coñecementos profundos para respostar con rigor a esta pregunta, hai moitos aspectos a considerar: escritoras/es, lectoras/es, editoriais, visibilidade nos medios, crítica... O galego está na uci, o consumo de poesía en galego é unha anécdota. É o que eu creo. Iso non quita que se leve moito tempo dicindo que a poesía galega está vivindo unha etapa dourada. É certo que nos últimos anos está recoñecéndose fóra de Galicia, como se demostra cos premios nacionais ou cunha maior existencia de traducións.

–Vostede é profesor de Secundaria e entendo que está en contacto permanente coa mocidade. Como é a relación entre a xente nova e a poesía?

–Hai de todo, pero a pregunta daría para unha resposta moi extensa. Teñen a súa propia. En todo caso podería tamén preguntarse cal é a relación entre a xente adulta e a poesía. Podería preguntarse incluso se é lóxico crer que a poesía está en calquera libro con poemas.

Suscríbete para seguir leyendo

TEMAS

  • poesía
  • poesía galega
  • Premios Johan Carballeira
  • Asociación Amigos de Johan Carballeira
  • Asociación de Amigos de Johán Carballeira
Tracking Pixel Contents