Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Bueu distingue a Xosé Luis Mosquera e Lois Pérez nos Premios Johan Carballeira

"Trece maneiras de mirar un almanaque" lévase o galardón poético | O xornalístico foi para "Eloxio do apenovismo"

Xosé Luís Mosquera (á esquerda) recibe o premio no X Certame de Poesía de Carral.

Xosé Luís Mosquera (á esquerda) recibe o premio no X Certame de Poesía de Carral. / LOC

Bueu
A Concellería de Cultura de Bueu vén de reunir os xurados dos Premios Johan Carballeira, tanto de poesía como de xornalismo. Os gañadores deste ano son Xosé Luís Mosquera co poemario “Trece maneiras de mirar un almanaque” e Lois Pérez coa reportaxe “Eloxio do apenovismo”.

Os Premios Johan Carballeira de Bueu xa teñen novos gañadores: Xosé Luís Mosquera no certame poético e Lois Pérez Díaz na categoría de xornalismo. Os xurados reuníronse esta semana e a entrega dos galardóns está prevista para o longo do mes de maio, co gallo dos actos do Día das Letras Galegas.

O premio de poesía chega a súa vixésimo sétima edición e contaba con 55 poemarios participantes. O xurado estaba composto polo gañador do ano pasado, Manuel López; a poeta e crítica literaria Oriana Méndez; e polo profesor da Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo e escritor Xosé Henrique Costas. O texto premiado é “Trece maneiras de mirar un almanaque” de Xosé Luís Mosquera 

Os integrantes do xurado destacaron a súa “madurez literaria e contemporaneidade, que se amosa coa fluída integración de múltiples rexistros textuais e culturais no propio devir do poemario”. 

Nese fallo tamén se fai mención a que se trata dunha “proposta poética que destaca por combinar con habelencia múltiples rexistros dende o culto ao popular, con imaxes inesperadas e fragmentos de maior narratividade”. A conclusión final do xurado desta nova edición do Premio Johan Carballeira de Poesía e que “Trece maneiras de mirar un almanaque” vén a ser un “resultado exitoso que contribúe a consolidar o panorama poético das nosas Letras”

A reunión do xurado do premio de poesía nas dependencias do Concello de Bueu.

A reunión do xurado do premio de poesía nas dependencias do Concello de Bueu. / T.G.

Numerosos premios

Xosé Luís Mosquera Camba é natural de Guísamo (A Coruña) e exerce como profesor de Secundaria desde o ano 1990. Xa ten publicado varios libros que foron premiados nalgúns dos certames poéticos máis importantes de Galicia, como “Nadja c’est moi”, que recibiu o X Premio Concello de Carral; “Amebas”, cun accésit do XXVII Premio Esquío de Poesía; “Das árbores tropicais e do amor”, que gañou o XX Premio Concello de Carral; “A traxedia da arquitectura”, que recibiu o IV Premio Xosé María Díaz Castro; ou “Parhelio”, que obtivo o XX Premio Fiz Vergara Vilariño.

Lois Pérez durante un espectáculo.

Lois Pérez durante un espectáculo. / Bernabé/Marta M.V.

No tocante ao Premio Johan Carballeira de Xornalismo, que neste 2024 celebra a súa vixésimo primeira edición, o xurado decantouse por “Eloxio do apenovismo”, de Lois Pérez Díaz e que orixinalmente foi publicado na revista “Luzes”. O título inclúe unha sorte de neoloxismo referido a autoestrada AP-9 xa que a reportaxe profundiza a interrelación entre a cultura e a construción desta vía que vertebra a franxa atlántica galega, desde Vigo ata Ferrol. Neste caso destácase a “orixinalidade á hora de abordar unha temática árida como as infraestruturas e capta a atención do lector/a dende o primeiro momento, facendo atractiva este tipo de información”. 

O xurado estaba composto polo presidente da Asociación Amigos de Johan Carballeira, Manuel García Mosteiro; o gañador da edición do ano pasado, Héctor Pena de Nós Diario; e a xornalista de FARO DE VIGO Carolina Sertal. No seu ditame abundan en que a reportaxe supón un “interesante percorrido de Norte a Sur que fai o autor recollendo espazos e momentos históricos moi ben imputados co trazado da AP-9”.

Un momento da reunión do xurado do premio de xornalismo, no Concello de Bueu.

Un momento da reunión do xurado do premio de xornalismo, no Concello de Bueu. / T.G.

Lois Pérez Díaz é mestre, contador de historias, poeta, escritor e guionista e ten publicado diversas obras de literatura e poesía infantil. Con “A gruta da torre” gañou o V Premio Agustín Fernández Paz de Narrativa Infantil e Xuvenil pola Igualdade, mentres que “A tribo do mar” foi merecedor do XVI Premio Raíña Lupa de Literatura Infantil e Xuvenil.

Os premios Johan Carballeira, que entrega a Concellería de Cultura de Bueu, están dotados con 1.500 euros. No caso do certame de poesía o galardón tamén inclúe a publicación do libro por parte de Edicións Xerais.

Tracking Pixel Contents