“Non cambiaría nada da miña vida, tiven boas e malas decisións e xuntas forman o que son”

O popular humorista volta hoxe a Cangas, en dobre sesión, con “Aquí Tou!”, un monólogo que é un repaso a súa vida

Xosé Antonio Touriñán estará hoxe en Cangas para presentar "Aquí Tou!"

Xosé Antonio Touriñán estará hoxe en Cangas para presentar "Aquí Tou!" / VICTOR ECHAVE

Xosé Antonio Touriñán regresa hoxe ao Auditorio de Cangas. O actor e humorista volta para presentar “Aquí Tou!”, que parece tanto un saúdo como unha reafirmación. Vai ser unha especie de percorrido pola súa vida, un percorrido no que se entrecruzan realidade e ficción. Canto hai de cada unha delas? Iso só o sabe o propio Touriñán. O espectáculo de hoxe contará con dúas funcións: ás 19.00 e ás 22.00 horas.

–A última vez que estivo en Cangas foi con Carlos Blanco e o espectáculo “Somos criminais”. Como senta voltar ao Auditorio de Cangas?

–Cangas é sempre parada obrigada, é un dos grandes templos do teatro galego. É un lugar que ademais conta cun dos festivais máis importantes e cando un espectáculo se considera grande é necesario pasar por Cangas. Ademais, son un gran amante da gastronomía e da paisaxe de Cangas. Tamén aproveitarei para visitar algún gran amigo que teño por alí.

Xosé Antonio Touriñán, nunha das súas actuacións anterioresno Auditorio de Cangas.  | //GONZALO NÚÑEZ

Xosé Antonio Touriñán, nunha das súas actuacións anteriores no Auditorio de Cangas xunto a Carlos Blanco. | //GONZALO NÚÑEZ / david garcía

–O título deste novo espectáculo, ademais de facer alusión ao seu apelido, parece unha declaración de intencións, unha especie de reafirmación.

–Pois é deliberado, sempre é deliberado poñer un título a un espectáculo. Fala de como chegar, de como se chega a un sitio e fala de min, de Touriñán. É como un saúdo, como un decir: aquí estamos e imos a desfrutar.

–O espectáculo está plantexado como unha especie de percorrido, en clave de humor, pola súa vida. Chegado a este punto, necesitaba dalgunha maneira facer unha recapitulación vital?

–O importante é sempre rir dun mesmo antes que rir dos ou cos demais. É básico. É a premisa básica para min como cómico. Non é un tema de egocentrismo, é simplemente comezar contando cousas de min para poder contar cousas doutros.

–Canto hai de realidade e de ficción neste monólogo de “Aquí Tou” que presentará en Cangas? Iso de que foi concebido nunha noite de San Xoán parece moito apuntar…

–Pois hai realidade e hai ficción, a verdade é que non teño calculado canto hai certo e canto inventado no espectáculo. Falo dos meus pais, dos avós, falo de min, do que quero facer de xubilado, de cando morra… Hai moita parte de da realidade, pero por suposto non se saberá nunca canto hai de cada parte.

–Fala das boas e malas decisións así como das casualidades que o levaron a convertirse no que é hoxe. Postos a resumir, cales desas decisión boas e malas destacaría?

–Non cambiaría nada da miña vida. Tiven boas e malas decisións. Tiven moi boas decisións e moi malas decisións e xuntas conforman o que son. Ao final todas son boas, porque aínda que as malas son as que máis doen e molestan, ao final sempre se aprende delas. Se todo vai ben é moi difícil ser consciente do que está ben e está mal.

–Supoño que a súa unión con Marcos Pereiro para convertirse en Mucha e Nucha está entre as mellores. Por onde andan agora Mucha e Nucha?

–Pois Mucha e Nucha están descansando, que son unhas señoras que traballaron tanto que agora precisan o seu tempo de repouso. Estarán en Ardebullo desfrutando da vida.

–Como cre que tería sido a súa vida sen o humor e o mundo da interpretación?

–Non podo entender a miña vida nin a de ninguén sen o humor. Sen a interpretación non o teño tan claro porque esta profesión escolleume a min, non a busquei eu. Estudei Filoloxía Galego-Portuguesa para ser mestre e cando fixen as prácticas dixen: isto non é para min. Por casualidade, xogando, chegou o traballo. Cando isto se converte en oficio foi na televisión con “Luar”. Eu non era dos que de pequeno xa sabía que ía ser actor. Eu quería ser futbolista, pero nin o físico nin a ansia me dá para iso. Non me gusta correr, prefiro ir amodo.

Xosé Antonio Touriñán e Carlos Blanco na súa última visita ao Auditorio de Cangas, na que recibiron sendas camisetas do Balonmán Cangas-Frigoríficos del Morrazo.

Xosé Antonio Touriñán e Carlos Blanco na súa última visita ao Auditorio de Cangas, na que recibiron sendas camisetas do Balonmán Cangas-Frigoríficos del Morrazo. / Maruxa Camiña

–Nestes momentos anda tamén metido na rodaxe da segunda parte de “Cuñados”. Din que segundas partes nunca foron boas. Que se pode contar desta nova película?

–Esperemos que non se cumpra neste caso o dito. Estamos desfrutando e rindo moito. Creo que vai ser unha peli moi divertida. Seguen sendo as peripecias destes tres paisanos que cada vez se meten en líos máis gordos. Iso é o que imos ver na segunda parte.

Por certo, en “Cuñados” a súa personaxe chámase Sabonis, un nome moi do baloncesto e antes falaba de que quería ser futbolista. Mais seica a vostede o que realmente lle tira é o balonmán e algunha que outra vez aproveitou para “ofrecerse” ao Balonmán Cangas-Frigoríficos del Morrazo grazas a súa amizade coa filla do seu histórico presidente, Manuel Camiña. Segue vencellado a este deporte ou a mellor decisión foi adicarse ao mundo da interpretación e do humor?

–Creo que escollín ben, porque para o deporte… Admiro moito todo o que fai a familia do balonmán en Cangas, é para estar moi orgullosos de ter un equipo a tan alto nivel durante tantos anos. Gustaríame ter chegado a xogar ao balonmán en Cangas, pero creo que terme dedicado á comedia foi unha das boas decisións. Sigo os partidos sempre que podo porque fan un traballo incrible.

Suscríbete para seguir leyendo