Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Antonio Touriñán | Humorista e actor

“As plataformas de series colleron á ficción galega dous pasos por diante”

Touriñán e Carlos Blanco na representación en Arousa. | I. ABELLA

Xosé Antonio Touriñán e Carlos Blanco protagonizan o espectáculo “Somos Criminais 3”, que é a segunda parte dun show que dende o 2018 converteuse no que máis entradas vendeu na historia de Galicia. Advirten que pasaron directamente á terceira parte “porque segundas partes nunca foron boas”. Hoxe actúan no Auditorio Municipal de Cangas con dúas funcións, ás 20.00 e ás 23.00 horas.

–En Cangas e en Ferrol rematades a xira de “Somos Criminais 3”. Está a respostar o público tan ben como na primeira parte?

–A xira comezou en decembro. A idea é retomala a finais de ano. A primeira foi un exitazo e esta igual é máis. Está indo moi ben, sobre todo tendo en conta as condicións actuais. Enchemos en case todos os sitios pese ao medo á COVID. Agora é máis difícil meter á xente no teatro que antes da pandemia, por iso ten máis mérito. Notamos que moita xente se despraza doutras localidades ás funcións.

–Pensa que a xente comeza a perderlle un pouco o medo aos espectáculos con público?

–Pois non o sei. É verdade que hai que volver a sentarse nun patio de butacas ao lado doutra xente. Pero hai moita seguridade porque todo o mundo leva a mascarilla e non se saca nunca. Durante o espectáculo notamos que vén moita xente que non foi á primeira parte, iso sinala que nos falta moita xente da primeira e aínda hai respecto. A normalidade total de sacar as mascarillas en interior supoño que tardará moito tempo en chegar.

–A que atribúen o éxito deste espectáculo tanto na primeira parte como nesta?

–O éxito pode ter moitas patas. Eu creo que en boa parte se debe a que enriba do escenario está Carlos Blanco. É a pata máis marabillosa para levar á xente ao teatro. Traballar con el é importante porque a xente sabe que de entrada o vai pasar ben. Case se nos vai a dúas horas a función de tan ben que o pasamos. Carlos Blanco é un seguro de que vas rir, esquecer as cousas malas e pasalo ben durante a función.

–Ao final, os galegos somos criminais ou non?

–Hai que sacar as conclusións. Como bos galegos, a conclusión é “depende, según se mire”. Hai razóns para dicir que si pero outras para non crernos que somos os mellores.

–A televisión converteuse nun aliado clave para encher teatros. Vós sodes caras coñecidas da televisión. Notades ese tirón?

–Por suposto. A televisión axuda moito. Se o público ten referencia do actor dunha obra, axuda moitísimo a movilizar á xente. É un medio de masas e de promoción fantástico. Todo o que sexa levar xente ao teatro é algo positivo. Hai moitas compañías en Galicia que o fan moi ben e pasas unha tarde fantástica. Sempre poño o exemplo do fútbol, que pagas unha pasta por unha entrada e ás veces para ver un empate a cero que aburre. Moi mal o temos que facer para non entreter nós un pouco máis.

–A proliferación de plataformas de series está xerando unha idade dourada da ficción en Galicia.

–As cousas se fixeron moi ben durante moitos anos. O viveiro se xerou nas series e na ficción da Televisión de Galicia, tanto para actores e actrices como para produtores, que agora son dos mellores de España e Europa, e igual cos técnicos que agora traballan nos proxectos máis grandes de todo o Estado. É un viveiro que non se valora como debería. Máis alá da cultura, é unha industria clave que pode traer moito diñeiro a Galicia.

–A clave está en que o boom das series coincidiu cun sector moi maduro en Galicia, non?.

–Totalmente. Había pulmón e entrenamento. Empezouse a apostar por toda a xente que formaba parte do audiovisual. Con plataformas como Netflix ou Amazon xa non se fan series só de Galicia para Galicia, senón que se pode rodar aquí pero é para o mundo enteiro. Esas plataformas viñeron para quedar e todo o que producimos pode ser consumido no Xapón, en Moscova ou en Estados Unidos. E colleunos con dous pasos de vantaxe con respecto a comunidades sen televisión propia ou que non fixeron ficción que formase a tanta xente.

Compartir el artículo

stats