Gastronomía

Cultura e tinta cítanse na XXXVII Festa do Choco de Redondela

Celebrarase do 10 ao 12 de maio

Presentación da Festa do Choco 2024.   | // D.P.

Presentación da Festa do Choco 2024. | // D.P. / d.p.

d.p.

A XXXVII Festa do Choco celebrarase en Redondela do 10 ao 12 de maio. Na presentación do evento, declarado de Interese Turístico de Galicia, participaron a alcaldesa, Digna Rivas, a concelleira de Cultura e Turismo, Rita Pérez, así como unha representación da Confraría de Redondela e dos hostaleiros e hostaleiras que ofrecerán durante estas xornadas este exquisito cefalópodo elaborado con diferentes preparacións. Na presentación participaron tamén algúns dos hostaleiros que fundaron esta festa, como Manolo Conde e José Manuel Durán.

Esta edición conta cunha ampla e variada programación cultural, na que o público poderá desfrutar de actuacións musicais, baile e actividades variadas durante os tres días de celebración. “Por suposto, durante estas xornadas, o noso protagonista será o Choco de Redondela, o noso produto por excelencia, o mellor choco do mundo, capturada nas augas da Enseada de San Simón”, explicaba Digna Rivas. Un ano máis, e xa van catro, repítense as Xornadas Gastronómicas do Choco, nas que participan diferentes establecementos da vila do 6 ao 12 de maio. Tanto na carpa do campo da feira como nos locais de hostalaría, Redondela ofrecerá estes días as mellores receitas preparadas con mimo, pratos que queren mostrar a tradición e a innovación, con pratos típicos como a empanada de millo, o arroz con chocos ou os choquiños na súa tinta e tamén propostas orixinais como o pan bao de choco ou a pizza de choco.

Entre os participantes desta edición da Festa do Choco atopamos na carpa a: Vigo e os catro elementos, Restaurante O tranquilo, Restaurante Casa Chano, Panadería Luisa, Panadería Alejandra, Paladarqueso e Anaquel Gourmet. Os establementos que participan nas IV Xornadas Gastronómicas son Novo Royalty, A cova, Pizzería Bos Aires e Papagaio Bistró. A rexedora destacou tamén a participación do alumnado do Obradoiro de Hostalaría “Redondela TIC III”, que serán os encargados dun “Showcooking” o sábado, onde amosarán en directo a elaboración de varios pratos. Igual que nos últimos anos, a empresa local Eurored é a encargada de engalanar as rúas para a celebración con redes e outros aparellos mariñeiros. Digna Rivas destacou o traballo que fai Eurored neste sentido e agradeceu “aos seus propietarios e ao seu director a colaboración e axuda que nos adican cada ano”. Para rematar, Digna Rivas quixo “agradecer a todas as persoas que fan posible esta festa, xa que a colaboración entre a veciñanza, os negocios locais e o Concello é moi importante para que esta festa gastronómica sexa un éxito e consolide a Redondela como un referente na promoción dos produtos do mar galegos”. “O choco é o produto de Redondela por excelencia, e iso é posible grazas ao gran traballo dos mariñeiros e mariñeiras da Confraría de Redondela que traen do mar este excelente produto”, engadiu Rivas.

Como complemento, a festa conta cunha ampla programación de actividades paralelas. A música tradicional estará presente coas actuacións de grupos como Airiños de San Simón, Tanto os Ten e O Carballo das Cen Pólas. Non faltará a verbena,que arrancará xa o venres coa gran orquestra Combo Dominicano e o domingo Gran Parada. A aposta musical para a noite do sábado pasa por U2 Zen Garden, grupo italiano considerado o mellor tributo á banda irlandesa. Outras propostas locais como a Orquestra de Saxos, a Banda de Música de Chapela, a Rondalla de Redondela e a sesión DJ con Rodri Vegas & Enter completan a oferta musical “que aposta polo talento local e galego, como facemos sempre, porque temos moitos e moi grandes artistas”, apuntou Rivas.

O sábado 11 e o domingo 12 organízanse viaxes á illa de San Simón ao prezo de 5 euros. Ambos días ás 12:00 haberá unha saída dende o peirao do museo Meirande. O sábado 11, dende o porto de Cesantes, as saídas serán ás 16:30 e ás 17:30. O domigo, tamén dende Cesantes, serán ás 16:00 e ás 17:00. As entradas poden adquirirse no museo Meirande (986 458 891) e na oficina de turismo de Redondela (986 401 713). En caso de esgotarse as prazas a navieira ofertará novas visitas a través da súa páxina web www.crucerosangel.com.