Deporte

200 ciclistas correrán a VIII “Challenge Rías Baixas”

A proba consta de tres etapas que pasarán por Mos, Ponteareas e O Porriño

Presentación da proba.   | // D.P.

Presentación da proba. | // D.P. / d.p.

d.p.

A oitava edición da “Challenge Rías Baixas” reúne hoxe e mañá a 200 ciclistas para disputar as súas tres etapas.

A proba, organizada polo club ciclista “Master da Louriña”, presentouse no Concello do Porriño, nun acto no que participaron o alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, a vicepresidenta da Deputación e responsable da área de deportes, Luisa Sánchez, a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, o concelleiro de Ponteareas, Luis Rodríguez , o alcalde de Nigrán, Juan González, o presidente do club organizador, Juan José Álvarez, representantes da Federación Galega de Ciclismo e patrocinadores da proba.

Juan José Álvarez, presidente do club apuntou que un ano máis a carreira “asegura o espectáculo deportivo” e adiantou algunas das novidades desta edición, como a incorporación do Concello de Nigrán como patrocinador da sección feminina da proba ou a inclusión da etapa de Mos na Copa de Galicia. O Director Técnico da Federación Galega de Ciclismo, Jacobo Ucha, eloxiou o “complicado traballo loxístico que supón unha proba desta magnitude, que involucra a catro concellos e que o Master Louriña leva a cabo con solvencia”.

Juan González, alcalde de Nigrán amosouse entusiasmado de “incorporarnos a este grupo e máis aínda de facelo apoiando ao deporte feminino”.

No mesmo sentido se manifestou o edil, Luis Rodríguez, destacando que Ponteareas “sempre estará apoiando o deporte, e como non, o ciclismo e quen fai posible este tipo de eventos”.

Pola súa banda a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, adiantou que no Pazo de Mos, onde dá saída a proba, “será un día de festa no que imos dalo todo e a facer da Louriña un referente do ciclismo”.

A responsable provincial de deportes, Luisa Sánchez lembrou que “falar do Porriño, Ponteareas e Mos é falar de ciclismo” e por iso “ninguén mellor ca eles para facer unha proba que está no top do ciclismo master”.

Pechou o acto o alcalde anfitrión, Alejandro Lorenzo, animando a todo o mundo a “vir a disfrutar dos dous días da proba e achegarse este domingo ao Porriño a vivir a etapa raíña da Challenge”.

O acto rematou cunha sentida homenaxe a Horacio Barros, fundador do club ciclista SPOL , berce do ciclismo porriñés. Na súa honra, o vindeiro mércores 1 de maio , disputarase en Torneiros o 42º trofeo Horacio Barros. Unha competición que se retoma co nome deste ciclista insigne que reunirá no parque do Piñeiro a 300 ciclistas base, das categorías promesas, principiantes, alevíns, infantís cadetes e junior.