A parentalidade positiva estúdase a fondo no IES Val do Tea

d.p.

A Escola de Nais e Pais do IES Val do Tea celebrará a súa terceira sesión o vindeiro día 15 de maio ás 18:30 horas. Baixo o título “Estratexias para unha parentalidade positiva: acompañando a adolescencia das nosas fillas e fillos” a psicóloga e psicopedagoga Luciana Maccio achegará ás familias recursos para mellorar a comunicación e a construción de vínculos despois da infancia.

Establecer límites saudables, como escoitalas e escoitalos para ser escoitados e diferentes estilos de comunicación entre nais, pais e fillas e fillos serán as cuestións que abordarán dun xeito participativo no salón de actos do centro educativo.

A Escola de Nais e Pais do IES Val do Tea nace coa intención de achegar ás familias recursos para mellorar a relación materno e paterno filial e ferramentas para afrontar e solucionar dun xeito máis efectivo as inquedanzas e problemáticas actuais na adolescencia.

“Do mesmo xeito que o profesorado do noso centro educativo se forma a través dos Centros de Formación e Recursos da Xunta de Galicia e se deseñan e imparten charlas e obradoiros para o alumnado, cremos que pode ser útil e moi importante abordar coas familias e da man de expertos temas de interese para o benestar do alumnado”, explica Isabel Calvelo, xefa de estudos dos IES Val do Tea.

A dirección do centro educativo considera indispensable a implicación das nais, pais ou titores na obtención de formación, consellos e coñecementos que axuden a educar á mocidade e recomendan seleccionar moi ben as fontes das que obter a información ao existir, hoxe en día, un amplo abano de datos e contidos que, ás veces, non están documentados por profesionais. Por este motivo, o centro educativo adianta que seguirá investindo esforzos e deseñando accións que axuden á comunidade educativa e animan ás nais e pais a participar porque son piares da crianza das súas fillas e fillos.