Accesibilidade

Facer o Camiño en Handbike e Joëlette

Usuarios e voluntarios de Discamino fan un alto no Rosal na súa viaxe a Santiago

As e os pelegríns ao seu paso polo Rosal.   | // D.P.

As e os pelegríns ao seu paso polo Rosal. | // D.P. / d.p.

d.p.

O Rosal experimentou momentos de grande emoción coa visita dun grupo de 11 persoas con diversidade funcional do Instituto Médico Pedagóxico de Barcelona, acompañadas por voluntarios e voluntarias de Discamino que están a facer o Camiño de Santiago pola Costa camiñando, en Handbike e en Joëlette. Unha cita anual con Galicia na que realizan diferentes tramos do Camiño e que este ano os levou a facer un alto na viaxe para coñecer e desfrutar durante dous días do Rosal.

A alcaldesa, Ánxela Fernández, amosou o privilexio que foi para o municipio acoller a este grupo. “A súa forza, o seu coraxe e a súa alegría leváronnos a compartir con todas e todos eles momentos moi especiais”.

Durante a súa estadía desfrutaron de diferentes actividades de convivencia, compartiron comidas e ceas e visitaron a Casa do Concello, onde celebraron un divertido pleno.

Un dos principais obxectivos desta visita anual é que estas persoas con diferentes tipos de discapacidade poidan realizar o Camiño de Santiago con vehículos adaptados, unha experiencia que non só promove a inclusión e a solidariedade, senón que “reafirma os valores de cooperación, achega calidade de vida e retos ilusionantes, beneficiando de xeito incrible á saúde física e mental das e dos participantes”, salientou a concelleira de Benestar Social, Beatriz Rodríguez.