Deporte

Gondomar, Baiona e Nigrán celebran a Festa da Bicicleta

A 34 edición da Festa da Bicicleta do Val Miñor celebrarase o 17 de maio

Presentación da Festa da Bicicleta 2024.   | // D.P.

Presentación da Festa da Bicicleta 2024. | // D.P. / D.P.

D.P.

Gondomar, Baiona e Nigrán celebrarán o 17 de maio, Día das Letras Galegas, a 34 edición da Festa da Bicicleta do Val Miñor. Ao acto de presentación acudiron os alcaldes de Baiona, Jesús Vázquez Almuiña, que exerceu de anfitrión xa que esta edición será organizada pola administración local baionesa; e o alcalde de Gondomar, Paco Ferreira, así como as concelleiras de Deportes dos tres concellos: Ana Iglesias concelleira de deportes de Baiona e condutora do acto de presentación, Sara Penedo, de Nigrán, e Nuria Lameiro de Gondomar, acompañadas de colaboradores, representantes das Policías Locais dos tres concellos da comarca e o representante do patrocinador do evento Agua Sana.

As inscricións e entrega de dorsais realizaranse nos respectivos puntos de saída de cada municipio con 40 minutos de antelación co único requirimento de ser maior de 7 anos, contar con bicicleta propia e levar casco.

Así, en Baiona partirán ás 10:00 horas desde o Parque da Palma, en Nigrán ás 11:00 horas desde o Pavillón de Deportes e, en Gondomar, tamén ás 11:00 horas desde o Concello. Todas as persoas participantes disporán de seguro de accidentes e responsabilidade civil.

A marcha de Baiona acudirá a recoller á de Gondomar para despois coincidir na rotonda da Ramallosa coa de Nigrán e, desde alí, pedalear as tres xuntas pola PO-552 cara ao Parque da Palma, onde ás 13:00 horas aproximadamente finalizará con sorteo de agasallos e avituallamento.

No acto de presentación os alcaldes destacaron a importancia deste evento que cada ano se supera e suma máis persoas participantes. Tamén se puxo en valor “esta ocasión especial para fomentar o uso deste medio de transporte tan saudable e amigable co medio ambiente. A bicicleta non só nos permite gozar de momentos en familia, senón que tamén contribúe a mellorar a nosa saúde e a coidar o noso planeta”.