Cultura

Xoguetes e teatro para pechar a programación das Letras Galegas

Hoxe, tarde de xogos e o día 31 teatro con Utópica Rodante

Festa Miudiña.   | // D.P.

Festa Miudiña. | // D.P. / d. p.

d. p.

O Concello de Nigrán pecha a celebración do mes adicado as Letras Galegas con xoguetes tradicionais e actividades a cargo de Teatro do Ar, durante toda a tarde de hoxe no auditorio municipal.

No espazo de xogo ‘Xogando Miudiño’, as cativas e cativos atoparán un grande repertorio de xogos e xoguetes; habilidade e puntería, equilibrio e desprazamento, xogo simbólico, textil...

O xogo tradicional ten experimentada a criba do tempo e, sendo un gran descoñecido na sociedade lúdico-tecnoloxica actual, tórnase novidade e marabilla para a cativada e ilusión e reencontro para a adultez e vellez.

A actividade estará instalada de 17:00 a 20:00 horas e, paralelamente, Teatro do Ar organizará obradoiros vinculados coa promoción da lingua galega.

De Vilatriste a Vilalegre

A programación especial levada a cabo durante todo o mes e que incluíu concertos, foliada, maios ou teatro, remata o venres 31 de maio coa representación da obra De Vilatriste a Vilalegre, de Utópica Rodante, na Praza do Concello a partir das 20:00 horas.

Trátase dunha coprodución en pequeno formato entre o Centro Dramático Galego e Teatro O Cubo, con Sofía Espiñeira e Roberto Casal Mouriño na dirección. Nas aforas de Vilatriste hai unha lagoa da que emana unha brétema misteriosa que impregna o aire cunha estraña tristeza. Uns novos moradores descobren que se beben das súas augas adquiren un superpoder que os dota de capacidades extraordinarias. Pero as habitantes de Vilatriste ignoran todos estes efectos. Trepas é o alcume dun xove habitante de Vilatriste enredado inesperadamente nunha singular aventura: salvar a vila das fauces dun malvado dirixente. Axudado por unha singular superheroína descobren a fórmula para vencer ao seu inimigo pero... funcionará?

“Neste mes das Letras Galegas desde o Concello fixemos unha programación con actividades vinculadas directamente coa vida e obra de María Luísa Villalta e outras de exaltación da nosa lingua a través da música, o teatro, contacontos ou incluso xoguetes tradicionais, a maioría delas enfocadas á infancia, xa que aí está o futuro do galego”, resume o alcalde de Nigrán, Juan González.