Sociedade

Brais Méndez e a ONG IGAXES únense para loitar contra o odio

Stop Odio nace para promover o respecto a través da educación e o deporte

Presentación de Stop Odio.   | // D.P

Presentación de Stop Odio. | // D.P / d.p.

d.p.

O futbolista Brais Méndez, xogador da Real Sociedad, únese á ONG IGAXES nun esforzo por combater o odio na sociedade e promover valores de respecto e igualdade.

IGAXES, cuxa misión é asegurar que ningunha nena, neno ou persoa moza teña que renunciar ao seu futuro por razón de pobreza ou exclusión social, acompañará ao futbolista na campaña #StopOdio.

Como deportista profesional, Brais Méndez padeceu e viu en primeira persoa ataques e insultos nos estadios de fútbol e agora alza a voz: “O discurso de odio ataca ás persoas e deshumanízaas, provocando non só danos a nivel persoal, senón que tamén constitúe un ataque á inclusión, á diversidade e aos dereitos humanos”, di Brais no manifesto.

Segundo o Ministerio de Interior, no 2023 en España denunciáronse sete delitos de odio ao día, un aumento do 30% respecto ao ano anterior.

Carlos Rosón, fundador e director de IGAXES, expresa a súa gratitude cara Brais polo seu compromiso coa comunidade e a loita contra os discursos de odio, que se ceban especialmente coa xuventude en risco de exclusión: “O deporte non pode ser un espazo que abra a porta á discriminación e ao racismo. Sexa deporte de base ou profesional, debe ser un exemplo de valores, aprendizaxe e respecto polas diferenzas”.

Brais Méndez comparte o seu entusiasmo por esta colaboración: “Estou encantado de unirme a IGAXES nesta causa tan importante. O deporte ten o poder de unir ás persoas. Espero que esta campaña sirva para xerar espazos seguros onde a diversidade e a diferenza non deriven en exclusión e odio”.

Valores que comparten desde o Concello de Nigrán, lugar escollido pola súa aposta en política social en materia de infancia. Para o seu alcalde, Juan González Pérez, esta campaña supón “unha oportunidade para situar Nigrán como un concello plenamente comprometido co benestar da infancia e a xuventude. Queremos que as nosas nenas e nenos sintan que están medrando en condicións de igualdade e nun lugar seguro”.

As accións principais de #StopOdio son conversas entre Brais Méndez e destacados persoeiros da cultura e o deporte, obradoiros de sensibilización contra o odio en escolas e clubes deportivos, así como un torneo de fútbol praia en Nigrán os días 15 e 16 de xuño, dirixido a mozas e mozos de entre 12 e 16 anos. Nigrán foi tamén o lugar escollido para estrear o video presentación da campaña, protagonizado polo futbolista da Real Sociedad.

A ONG IGAXES, Brais Méndez e o Concello de Nigrán convidan a toda a comunidade a participar e a unirse na loita contra o odio e a exclusión social.

Detectar o discurso de odio e facerlle fronte, fomentar a empatía, evitar a linguaxe ofensiva, facer un uso responsable das redes sociais e participar na construción dunha sociedade máis inclusiva son algunhas das accións que cada individuo pode fomentar.