Libros

A Biblioteca de Nigrán, referencia na comarca

O centro recibe visitas escolares de toda a área

d.p.

A Biblioteca Municipal de Nigrán é a elixida por centros escolares de toda a comarca para que o alumnado coñeza de primeira man este servizo público e as posibilidades que ofrece.

“É unha biblioteca moi atractiva arquitectónicamente, con premios que así o avalan, e na que ademais, ofrecemos este servizo de xeito gratuíto, así que temos unha alta demanda para coñecela”, explica o alcalde, Juan González .

Nas visitas, a cativada é guiada pola instalación por persoal especializado que se encarga de explicar o funcionamento da mesma. O alumnado menor de 12 anos é agasallado cunha sesión de contacontos acorde a súa idade e gusto.

Os colexios interesados deben solicitalo no 986383979 tendo en conta que dura 1 hora aproximadamente e que o número máximo é de 25 alumnos (existe a posibilidade de organizar quendas).

Esta biblioteca foi elixida a mellor obra de nova planta en toda Galicia dos anos 2020-2021, e no 2022 gañou o premio ibérico Technal 2022..