Cultura

Música electrónica e gastronomía dan a benvida a primavera no Rosal

elébrase hoxe o Orballo Fest na Praza do Calvario

Concerto solidario da Agrupación Musical do Rosal, o pasado sábado no auditorio municipal.   | // D. P.

Concerto solidario da Agrupación Musical do Rosal, o pasado sábado no auditorio municipal. | // D. P. / d. p.

d. p.

A primavera chega con forza ao Rosal e cunha morea de actividades baixo o brazo. Durante os meses de marzo e abril, a veciñanza e tamén as persoas chegadas de fora poderán desfrutar dunha intensa programación cultural e unha axenda de lecer na que probas deportivas, concertos, formación e literatura son as grandes protagonistas.

O axenda deu comezo cun novo éxito do Trail Adventure Muíños do Folón, que reuniu a máis de 600 deportistas que desfrutaron da actividade física e da natureza nun percorrido de gran valor patrimonial, e continúa hoxe mesmo co “Orballo Fest”.

Música e gastronomía mestúranse no Rosal nun novo evento con espírito de continuidade. Nace o Orballo Fest, un festival organizado polo Valinox Novás co que colabora o Concello e que leva á Praza do Calvario música electrónica e de diferentes ritmos e que permitirá ademais ao público explorar a gastronomía local. Trátase da primeira edición dun encontro que se celebra hoxe a partir das 21.00 horas con entrada libre.

Durante a noite os asistentes poderán desfrutar da música de Pitty, DJ Charlie, Diego Wass, DJ Pantxo, DJ Joselete, La Mosca Valiente e Wonder Kaos, ademais de gozar da gastronomía, de coctelería e de numerosas sorpresas.

O festival de música complementouse ademais con sorteos que a organización realizou nos días previos ao Orballo Fest a través das súas redes sociais e que que incluíron premios como unha cea no restaurante Gula, unha sesión de fisioterapia con Javier Durán ou un pack de merchandising do propio Valinox Novás.

Abril, mes do libro

Abril converterase un ano máis no mes do libro con varias actividades centradas na literatura. Así, o domingo 7, Biophila organiza en colaboración co Concello ‘A lingua das aves’, un roteiro pola natureza con saída ás 10.00 horas no Parque do Tamuxe. As persoas interesadas poden xa inscribirse ata cubrir prazas no 693 56 26 74.

O domingo 21 a Praza do Calvario acollerá a Feira do Libro de Segunda Man, que estará aberta ao público de 11.00 a 20.00 horas.

A programación de primavera rematará o mércores 24 de abril coa presentación do libro ‘Entre viñas e viños no val do Rosal’ do ilustrador rosaleiro Xosé Tomás ás 20.00 horas no auditorio municipal.