Nadal

O Apalpador baixa da montaña e visita por primeira vez Redondela

Será o vindeiro sábado 23 y Papá Noel estará nas casas instaladas nas alamedas Castelao e Rosalía de Castro

Visita do Apalpador a unha vila galega.   | // BERNABÉ

Visita do Apalpador a unha vila galega. | // BERNABÉ / l. c.

l. c.

Conta a lenda que na Noiteboa e Noitevella o Apalpador abandona as montañas para baixar ata as aldeas e vilas e entrar nas habitacións dos máis pequenos da casa sen que eles se decaten. O seu obxectivo era apalpar as barriguiñas é ver se comeron suficientemente durante o ano e deixarlle un puñado de castañas. Pero, se ademais foron bos, tamén lles deixará algún agasallo para desexarlle un ano novo cheo de felicidade e comida.

Este tradicional personaxe, que ten as súas orixes no interior rural galego, visitará por vez primeira Redondela. Será o vindeiro sábado, día 23, ás 18.00 horas, dentro da programación de Nadal organizada polo Concello.

Tampouco faltará Papá Noel. Dende mañá e ata o vindeiro domingo 24, chegado dende Laponia recibirá a todos os nenos na súa casa instalada para a ocasión na Alameda Castelao. Aqueles que desexen a chegarse para visitalo poden facelo polas tardes, de 17.00 a 19.30 horas e o día de Noiteboa o horario será de mañá, de 11.00 a 14.00 horas. De igual xeito, estará tamén na alameda Rosalía de Castro, en Chapela, os días 22 e 23 de decembro no mesmo horario. A maiores, e para que ningún neno quede sen ver a Papá Noel, este tamén se desprazará as demais parroquias.

Obradoiros

O Concello de Redondela prepara múltiples actividades para a rapazada durante as vacacións escolares de Nadal, con obradoiros do 26 de decembro ata o 4 de xaneiro en horario de 18.00 a 21.00 horas. Como principal novidade este ano a Concellería de Xuventude inclúe obradoiros de defensa persoal, origami, manga, xadrez, entre outros, dirixidos especialmente á mocidade a partires dos 13 anos. Realizaranse nun novo local habilitado no Multiusos da Xunqueira, o Espazo Redondela Xove.

Os obradoiros para a cativada de 3 a12 anos realizaranse tanto no Multiusos da Xunqueira como no do Piñeiral de Chapela, tamén entre os días 26 de decembro e o 4 de xaneiro, en horario de 17.00 a 19.00 horas. Entre as actividades destacan as clases de cociña, sesións de contacontos, manualidades, música e xogos de risoterapia entre outras sorpresas. Estas actividades en horario de tarde compleméntanse cos obradoiros Concilia Nadal que se organizan en horario de mañá nas diferentes parroquias.

Tren turístico

Tralo éxito do pasado ano, o tren turístico volverá a formar parte da oferta de Nadal do Concello de Redondela cun roteiro especial durante as festas. Dos días 26 ao 31 de decembro, e dende o 2 ata o 7 de xaneiro ofreceranse viaxes de balde. En Redondela a saída será desde a Praza de Santiago e en Chapela desde a alameda Rosalía de Castro. O tren, decorado para a ocasión, percorrerá a vila para que grandes e pequenos poidan gozar das vistas iluminadas coa ornamentación de Nadal.