A neve chega a Mos polo Nadal

Xornada inaugural do Nadal en Mos con neve artificial e os personaxes do espectáculo A Raíña da Neve.   | // D. P.

Xornada inaugural do Nadal en Mos con neve artificial e os personaxes do espectáculo A Raíña da Neve. | // D. P. / l. c.

l. c.

A contorna do Pazo acolleu a apertura do Nadal en Mos e seguirá a ser escenario doutras moitas actividades programadas polo Concello ao longo destas datas festivas. A alcaldesa Nidia Arévalo, os concelleiros do goberno local e centos de persoas non quixeron perder o espectáculo da xornada inaugural cargado de actividades, música, diversión e neve.

A neve chega a Mos polo Nadal

A neve chega a Mos polo Nadal / l. c.

O acendido do alumeado de Nadal contou co espectáculo infantil A Raíña da Neve, a actuación musical dos King Kids, así como canóns de neve artificial e fotomatón con foto de regalo e obradoiros infantís de pintacaras e globoflexia.

Logo do torneo solidario Always Tenis de Mesa, o concerto de Santa Icía da Coral Polifónica Vento do Val, do títeres de Tanxarina con “A cazola de Lola” e dos festivais de Corais de Nadal, Has de cantar Torroso Gaiteiro e o das Escolas de Baile Deportivo Patricia Martínez a programación continúa esta fin de semana con máis actividades.

Hoxe, o Pazo de Mos, acolle ás 19.00 horas, a representación de teatro infantil “Palabras”, da compañía Boaboa. E mañá domingo, chega un dos actos máis esperados e concorridos, tanto destas datas como de toda a programación lúdica e cultural mosense, o certame de rondallas. Será a partir das 17.00 horas na Avenida de Puxeiros, onde desfilarán e tocarán as catro agrupacións de Mos máis as dúas do municipio veciño do Porriño. Así participarán a Asociación Club Rondalla Santiaguiño de Guizán, a Rondalla do Círculo Recreativo e Cultural de Torroso, a Rondalla da Asociación Cultural e Social de Herville, a Rondalla do Círculo Cultural e Deportivo Santa Baia, a Rondalla de Pontellas e a Rondalla Santa Eulalia de Atios. Antes, pola mañá, terá lugar unha concentración solidaria de coches clásicos, no centro dotacional de Torroso, entre as 10.00 e as 14.00 horas.

Xa o vindeiro xoves, 21 de decembro, o Pazo de Mos acolle a campaña Acende O Xacobeo, coa iluminación de distintos monumentos no Camiño de Santiago. Un acto que contará coa actuación de Malvela e unha chocolatada.

O día de Noiteboa celebrarase unha Papanoelada moteira, con saída ás 11.00 horas dende o Parque de Sanguiñeda.

O sábado día 30 chega outro dos actos centrais da programación, a festa Pre-Fin de Ano. Será a partir das 23.30 horas, no Pazo de Mos, e estará amenizada pola música da orquestra Kubo, Jorge Cremades e varios dj`s. Haberá uvas para todos os asistentes e poderán tomarse ao son das doce badaladas.

Xa no novo ano, para o xoves día 4, está programada unha excursión para familias no Bardo do Nadal, con saída dende o Multiusos das Pozas ás 19.00 horas cara ao Porto de Vigo. O prezo por persoa é de 14 euros adultos e 9 euros cativada de 3 a 12 anos.

E xa para rematar, como colofón final celebrarase a tradicional cabalgata de Reis. O desfile de carrozas das Súas Maxestades de Oriente, na compaña das rondallas de Mos, dará comezo ás 18.00 horas, pola Avenida de Sanguiñeda. Haberá un belén vivinte e agasallo de Melchor, Gaspar e Baltasar para todos os nenos.

Beléns

O Concello de Mos volve acoller este Nadal dous beléns que poden visitarse ao longo destas datas. Por unha parte está o instalado no Pazo de Mos, cuxo horario de apertura ao público é de luns a venres de 10.00 a 14.00 e de 17.00 a 20.00 horas e as fins de semana só en horario de mañá. E, por outra banda, está o tradicional belén de Herville, que pode visitarse tamén todos os días de semana, de luns a venres de 15.00 a 17.00 e de 19.00 a 22.00 horas, os sábados de 15.00 a 22.30 horas e os domingos de 11.30 a 13.30 e de 15.00 a 21.30 horas.

Ademais, Ademais, tamén se organizan visitas guiadas ao Pazo de Mos. A primeira foi xa o pasado día 7 e nas vindeiras semanas haberá outras dúas, unha o 30 de decembro ás 12.00 horas e outra o 4 de xaneiro ás 18.00 horas. A entrada ten un custo de 3,50 euros a favor de Mos Axuda. Para inscricións deben chamar ao 650 446 065 ou escribir a inscricions@pazodemos.org.