O 90% da programación da festa medieval baionesa é inclusiva

l. c.

“Esta vinte e sete edición supoñerá un salto cualitativo da celebración e a culminación das melloras implementadas en 2022”, así o anunciaba onte o alcalde de Baiona, Carlos Gómez, durante o acto de presentación da Festa da Arribada.

Nese salto de calidade atópase o carácter inclusivo do evento. Así, a concelleira de Cultura Miriam Cotas destacou que “practicamente o 90% da programación da Arribada é inclusiva. Os grandes espectáculos como son a xusta medieval e a representación teatral de “Arribada do Descubrimento” contarán con intérprete de lingua de signos, unha aposta pola inclusión do Concello para que este evento, que atrae en cada edición a centos de persoas á contorna da praia da Ribeira poida ser desfrutado por todas e todos”. Tamén o contaconto sobre a historia do Boi Xulián, que se representará na súa morada, outra das novidades desta vixésimo sétima edición, instalada no Parque da Palma, será interpretada en linguaxe de signos.

A concelleira sinalou tamén que a primeira fila das gradas instaladas no Paseo Ribeira para as representacións teatrais estará reservada para persoas con discapacidade.

Sen restricións

Esta será tamén a primeira Festa da Arribada sen restricións dende a chegada da COVID, que provocara que en 2021 non se puidese celebrar. “Este ano viviremos unha Arribada sen restricións. A pasada edición vímonos obrigados a adaptarnos ás medidas sanitarias e de seguridade establecidas por mor da pandemia, tivemos que adecuarnos aos termos que nos tocaron vivir”, remarcou o alcalde. “Desde o consistorio, contando coa estreita colaboración do tecido empresarial e comercial, ideamos distintas iniciativas, cuxos resultados avalaron os cambios propostos. Seguiremos con tea liña de traballo que tan bos resultados nos reportou. Todas e todos nos involucraremos para que, como pobo, sexamos capaces de impulsar a definitiva recuperación económica do noso municipio”.