Asorey, o gran escultor nacional de Galicia

É o último gran imaxineiro, cunha calidade comparable aos grandes mestres da imaxinería galega como Moure ou Ferreiro. Este ano dedícaselle o Día das Artes Galegas, que se celebra o vindeiro 1 de abril

Miguel R. Taboada / Ana Triñáns

Este ano 2024, o Día das Artes Galegas, que se celebra o 1 de abril, leva o nome de Francisco Asorey, que hai 135 anos -o 4 de marzo de 1889- nacía en Fefiñáns (Cambados). Considerado como unha das figuras máis importantes da renovación da arte escultórica do século XX, pertence a unha xeración bisagra que pecha o século XIX e contribúe á formación das novas ideas do novo século. Asorey é un imaxineiro que recolleu todo o esplendor da tradición escultórica en madeira dos séculos XVII e XVIII e creou algunhas das súas mellores obras en madeira policromada.

É o último gran imaxineiro, cunha calidade comparable aos grandes mestres da imaxinería galega como Moure ou Ferreiro. Era un home crente e isto, unido á súa destreza técnica permitiulle conseguir sempre unha grande calidade nas imaxes relixiosas.

A experimentación que fai coas esculturas femininas dos anos 20 trasládaa despois ás imaxes relixiosas. O San Francisco, os anxos e o San Xosé de Guernica... xa non levan estuco, a pintura aplícase directamente sobre a madeira e isto permite ver o traballo coa gubia.

Estase introducindo un xeito de traballo propio da escultura do s. XX, onde a talla directa e o xogo coas calidades do material teñen moita importancia e úsanse cunha finalidade expresiva.

E consegue achegar espiritualmente a imaxe ao fiel que a contempla, a escultura vólvese máis humana. É unha gran innovación que chega a niveis de mestría cando acomete a Nai de dor ou o Cristo de Moiá.

Monumento a San Francisco de Asís, 1926  1930. Granito.

Monumento a San Francisco de Asís, 1926 1930. Granito. / Miguel R. Taboada

Tamén innova no seu traballo da pedra. As esculturas de Asorey neste material nunca son lisas, sempre hai texturas, e todas diferentes, alternando como nun contrapunto musical. As súas esculturas teñen pel, vese a man do escultor, o xogo cos ciceis. Non son esculturas perfectas, son esculturas humanas nas que se ve o proceso de creación, algo característico da escultura contemporánea. O escultor Francisco Leiro comentounos que esa forma de traballar tiña a finalidade de agarrar a luz, que a luz non esvarese pola escultura senón que crease contrastes e xogos de luces.

Asorey é o mellor escultor do rexionalismo español e o mellor escultor galego do século XX.

Formación

En 1903 Francisco Asorey con 14 anos chega a Sarriá para formarse e aprender co escultor catalán José Parellada, que dirixía o obradoiro de imaxinaría relixiosa da Escola de Artes e Oficios dos Salesianos. Barcelona, cidade onde nese momento florecía o noucentisme catalán, foi clave na sua formación. No colexio dos Salesianos aprende historia da arte, sendo moi influenciado polo culto á figura feminina, á maternidade... e descubrindo as obras clásicas, o Medievo, o Renacemento, o Barroco…

Joyería Maida (actualmente La Fábria de Nikis), na rúa do Vilar nº 21.

Joyería Maida (actualmente La Fábria de Nikis), na rúa do Vilar nº 21. / FDV

En 1906 vai a Euskadi ao ser nomeado profesor de debuxo no taller de Artes e Oficios do Colexio Laboral dos Salesianos de Barakaldo, en cuxo obradoiro de imaxinaría relixiosa produce as súas primeiras pezas. Asorey coñece a pintura vasca e decide compaxinar a imaxinaría relixiosa coa profana; influenciado polo costumismo tradicionalista vasco, realiza pezas como Viuda del Pescador, coa que acadou en 1909 a segunda medalla da Exposición Rexional Galega de Santiago de Compostela. En Barakaldo monta o seu propio obradoiro con dous escultores vascos e, segundo Vicente Pérez Otero (2015), descobre o xeito de darlle policromía á madeira sen tratala antes, aproveitando as vetas, a resina e a labra para crear un efecto pictórico único.

En 1909, con 20 anos, Asorey entra en quintas e vai para Madrid facer o servizo militar. Alí vivirá durante dez anos e traba amizade cos pintores Julio Romero de Torres e Juan Luis López García e mais co crítico de arte e xornalista José Francés. Comeza a ser coñecido no ambiente madrileño e a recibir encomendas de obras, participa en exposicións (Santiago, Madrid, Bos Aires…) e na súa formación ten gran influencia a obra do francés Auguste Rodin -moi imitado polos escultores do ambiente madrileño neses anos-, con retratos que saen de bases informes, pero a Asorey prefire investigar na procura dun camiño propio. Para completar a súa preparación profesional, Asorey consegue que a Deputación de Pontevedra lle outorgue bolsas de estudos desde 1915 a 1919.

Pazo de Raxoi. Retrato de dona Jesusa Ferreira, a esposa de Asorey, 1944.

Pazo de Raxoi. Retrato de dona Jesusa Ferreira, a esposa de Asorey, 1944. / FDV

Santiago de Compostela

Logo de case 20 anos formándose por Barcelona, Barakaldo e Madrid, xa convertido nun escultor cunha certa fama, Asorey múdase a Compostela, o ter acadado a 31 de maio de 1918 a praza de axudante de escultor anatómico da Facultade de Medicina da USC. Monta na rúa Caramoniña o taller de escultura Obradoiro (desde 1918 até 1930, de 1930 até 1961 o obradoiro estivo na rúa Tras Santa Clara, nº 2, onde creou os grandes monumentos Loriga, Curros Enríquez, Virxe de Tanxil). Casa con Jesusa Ferreiro Casal na Escravitude en xaneiro de 1919, a familia vai residir en Compostela, na casa do Campiño do Carme, nº 2, onde nacen os seus dous fillos, Francisco e José Manuel, e onde mora toda a súa vida.

As tallas en madeira de Asorey

Influenciado polo expresionismo alemán, polo primitivismo novecentista e polo románico compostelán o seu estilo evoluciona ata a mestría que acada na policromía e na talla en madeira de mulleres coas que representa a identidade de Galicia, mulleres cun tipo racial característico e constante: pelo loiro, ollos azuis, meixelas de mazá colorada… con traxes tradicionais e fermosos panos de cores á cabeza como Picariña (1920), Naiciña (1921) ou a Ofrenda a San Ramón (1923). É a escultura galega do momento: Asorey realizará outras pezas maxistrais como O tesouro (1924), e xa en 1926 Santa (unha muller núa de evidente simboloxía, procurou grande sorpresa e un amplo debate na prensa e por temor á súa destrución, e logo de moitas xestións, acabou sendo adquirida pola Casa de Galicia de Montevideo e volveu a Galicia para a exposición ‘Galicia, un relato no mundo’, en 2019) e San Francisco coa que gaña a primeira medalla na Exposción nacional celebrada en Madrid.

Suscríbete para seguir leyendo