O tesouro e Nai de dor

Dúas obras mestras de Francisco Asorey

Nas imaxes: Nai de dor e  O tesouro, as dúas pezas de Francisco Asorey presentes na mostra sobre Laxeiro (MARCO, Vigo).

Nas imaxes: Nai de dor e O tesouro, as dúas pezas de Francisco Asorey presentes na mostra sobre Laxeiro (MARCO, Vigo). / @ELIREGUEIRA

Carlos L. BernárdezCarlos L. Bernárdez

Na exposición Laxeiro e a arte galega do seu tempo, que se pode visitar no MARCO de Vigo, e á que dedicamos a anterior artigo desta páxina do FARO DA CULTURA, salienta a presenza do escultor Francisco Asorey (1889-1961), con dúas das súas obra primas: O tesouro (1924, colección particular) e Nai de dor (1931, Eleiz Museoa, Bizkaia/ Museo Diocesano de Arte Sacro, Bilbao).

Cómpre lembrarmos que Asorey, coa súa extraordinaria personalidade, ocupa un lugar central na escultura galega da primeira metade do pasado século e que súa obra supera os estereotipos costumistas ao dotalos dun simbolismo renovador por medio dun tratamento formal que se afasta dos modelos decimonónicos. O cambadés foi chamado o “Escultor da Raza” nun momento de auxe cultural nacionalista porque a súa obra se consideraba prototipo dunha arte nacional, fortemente ligada á tradición, mais ao mesmo tempo renovadora, como podía ser o papel de Ramón Cabanillas na poesía –ao que o uniu unha fonda amizade- ou o dos intelectuais do grupo Nós para a narrativa ou o pensamento.

En Asorey tamén percibimos a reflexo do debate escultótico do seu tempo a nivel internacional, como é o problema da conciliación entre a autonomía da forma esculpida e a ambición expresiva da sociedade moderna, cerna dos debates plásticos da escultura durante as primeiras décadas do pasado século, que no seu caso se evidencia, por pormos algúns exemplos, na concepción xeral da obra, na maneira de tallar a madeira, na pintura directa sobre as tallas e na utilización de remaches metálicos. Asorey traballa coa talla directa -técnica que recuperó un lugar central na práctica de numerosos escultores a comezos do século XX- e somete así a forma a tensións novas na procura dunha enerxía plástica ligada certamente á tradición galega mais con valores universais.

O tesouro e Nai de dor

Pezas de Francisco Asorey na mostra sobre Laxeiro no MARCO. / Eli Regueira

A principios dos anos vinte comeza a desenvolver un realismo de intensidade expresiva e forza telúrica coa muller galega como tema e como mito, convertida en arquetipo da Terra Nai, sempre con maiúsculas na linguaxe da época. A influencia románica e popular é evidente, como mostran as pezas que se poden enxergar na exposición actual do museo vigués que comisaria Miguel Fernández-Cid. Son figuras que portan exvotos e que se converten en si mesmas en ofrendas, e que o artista talla e polícroma, pintando directamente sobre a madeira e acrecentando fragmentos metálicos. Neste sentido sobrancea unha obra como O tesouro (1924) onde o sentido de exvoto ocupa a cerna da construción plástica e crea unha imaxe do muller labrega de rexa estrutura cunha coidada policromía e unha técnica esgrevia e expresiva. O seu hieratismo lembra a escultura exipcia, formas de arte popular ou mesmo as ríxidas poses fotográficas das clases populares do seu tempo, como as de Ksado.

Neste liña argumental cómpre subliñar a Nai de dor (1931), obra moi pouco exposta no noso país, pertencente ao Museo Diocesano de Arte Sacro de Bilbao, e que é case o compendio das procuras do autor ao longo da década dos vinte e comezos dos trinta. É unha peza de tamaño monumental, de máis de dous metros de altura de madeira policromada, conformando unha auténtica Mater Gallaeciae, que dialoga con obras fundamentais da arte galega desta altura como, por citarmos unha obra referencial, a Muller sentada (1930; Legado Maside, Concello de Santiago de Compostela) de Carlos Maside.

Fascinación polo popular

Na Nai de dor percibimos unha fascinación plena polo popular, pola súa corporeidade, semellante á que se produce noutros contextos artísticos pola definición dun canon que combine o popular e o moderno. Asorey escúlpea non cunha actitude distanciada senón desde unha presenza ligada á súa experiencia cultural e vital, un mundo que é enxergado non cun ollar distanciado e compracido, senón cunha vontade de comprensión fonda. Asorey representa nesta dúas obras: O tesouro e Nai de dor o feminino como tema recorrente, algo que coincide tamén co acontecido nesta altura no ámbito da arte europea. En todos os casos, a muller fai de elo entre a tradición e a modernidade, sendo dominante a súa presenza en múltiples artistas: Picasso, Maillol, Brancusi, Léger, Miró, Matisse... Moitos deles reutilizan os grandes temas clásicos: a “Odalisca”, as “Bañistas”, as “Dúas amigas”, etc. que lle serven de nexo coa tradición, permitíndolles conciliar o que hai de fugaz na modernidade, nos estilos modernos, co que hai de permanente na arte. O cal, é evidente, reforza o mito do eterno feminino. A escolla, no caso de Asorey, de figuras femininas arquetípicas entronca con este discurso. As representacións de mulleres serven para chantar a obra de arte nos alicerces máis fondos da tradición formal (virxes románicas, populares, barrocas) e tamén para situalas no simbolismo eterno da muller (deusa-nai, virxe, nai-terra...) e nesa Galiza “nai e señora, sempre agarimosa e forte” que cantaba Ramón Cabanillas nesta altura. A muller, xa que logo, permite romper a historicidade para reflectir o feminino arquetípico. Como di Castelao en “Onde hai un cruceiro”, do seu libro Cousas, “para os artistas canteiros, Xesucristo sempre é pequeno".

Suscríbete para seguir leyendo