Sputinik

Alerta en YouTube

Unha crianza cun teléfono móbil.

Unha crianza cun teléfono móbil. / FDV

Ledicia Costas

Ledicia Costas

Cando visito escolas sempre pasan cousas divertidas. O público infantil é unha fonte inesgotable de anécdotas. Gústame especialmente cando se esquecen dun dato e inventan sobre a marcha. Estes días atrás, un neno de cuarto de primaria quería preguntarme algo sobre a miña obra O neno de lume e cambioulle o título por O neno afumado. Isto desatou as gargalladas de toda a tropa, uns 75 nenos e nenas que asistían con emoción á charla. Os encontros serven para poñer en valor o libro e as persoas que estamos detrás das historias, e tamén para que as dúas partes (autora e público) teñamos a oportunidade de compartir a experiencia da creación e tamén da lectura. Nunha das charlas desta semana, un neno preguntoume: e ti cando vas “subir” o teu próximo libro? “Subir?”, remarquei eu. Subir ou como se diga!, retrucou o neno. Queres dicir publicar? Si, iso!, exclamou el, satisfeito de que entendese a que se refería. Non é a primeira vez que un alumno me pregunta polo próximo libro que vou «subir». É algo que ultimamente se repite bastante. Internet é un gran espazo de ocio para o público infantil. Nenas e nenos pasan horas consumindo os vídeos e publicacións de Youtube ou de redes sociais. Analizo o concepto “rede social” e penso en que é verdade que se trata dunha rede, pero ás veces afástate da túa contorna máis próxima para achegarte a outra da que non coñeces o seu verdadeiro rostro. Eu non critico as redes sociais. Son usuaria de varias, sería unha incoherencia. Pero si creo que é importante reflexionar sobre o uso sen medida e sen control por parte do público infantil dos contidos que hai dispoñibles en Internet. Entendo que as pantallas son un momento de desconexión para nais, pais e crianzas e que non é fácil poñer límites. E agora ven un PERO. Así, con maiúsculas. Espazos coma YouTube, que son aparentemente inocuos, traen contidos trampa a través do buscador. Proben a teclear estas iconas: 😳 😘

A continuación verán unha batería de vídeos con contido sexual explícito e diferentes tipos de violencia. Ás veces o vídeo é aparentemente inofensivo, mais cando avanzas uns segundos é cando aparece o contido delicado. Hai días lin en X (antes Twitter) como unha mestra alertaba de que detectaran nas aulas que había nenas e nenos accedendo a contido violento e reproducíndoo tanto nas conversas que mantiñan entre eles, coma nos seus xogos. Referíase a violencia sexual, violencia dirixida a animais, entre menores, etc. Na escola tiraron do fío ata conseguir que os nenos revelasen de onde viña ese comportamento. E foi, precisamente, a través de YouTube, tecleando esas dúas iconas aparentemente inocentes. Practicamente calquera icona que introduzan no buscador, sexa cal sexa, ten como resultado un vídeo con contido deste tipo. “Pero para iso está o control parental”, pode estar pensando alguén. A interpretación que fai o algoritmo dunha emoticona non está relacionada cun contido censurable e, polo tanto, existe un enorme burato negro por onde entran vídeos de todo tipo. A maioría, con violencia explícita, tanto verbal coma física. É un tema controvertido porque, se as persoas adultas pasamos tantas horas diarias pegadas a unha pantalla, como se lle impón a unha crianza o contrario? Mais é preciso un control exhaustivo porque Internet é un pozo sen fondo, e as nenas e nenos son especialmente vulnerables.

Suscríbete para seguir leyendo