Actualidade de Francisco Asorey

Unha homenaxe no Día das Artes Galegas

"Ofrenda a San Ramón" (1923).

"Ofrenda a San Ramón" (1923). / Iñaki Abella

O vindeiro 1 de abril a Real Academia de Belas Artes, co gallo da Día das Artes Galegas, vai realizar unha homenaxe ao escultor Francisco Asorey, un artista nado en Fefináns (Cambados) en 1889 e finado en Santiago de Compostela o ano 1961.

Cómpre lembrarmos que o escultor cambadés, coa súa extraordinaria personalidade, ocupa un lugar central na escultura galega da primeira metade do pasado século e que a súa obra supera os estereotipos costumistas ao dotalos dun simbolismo renovador por medio dun tratamento formal que se afasta dos modelos decimonónicos. Asorey foi chamado o “Escultor da Raza” nun momento de auxe cultural nacionalista porque o seu labor se consideraba prototipo dunha arte nacional, fortemente ligada á tradición, mais ao mesmo tempo renovadora, como podía ser o papel de Ramón Cabanillas na poesía -ao que o uniu unha fonda amizade- ou o dos intelectuais do grupo Nós para a narrativa ou o pensamento.

En Asorey tamén percibimos a reflexo do debate escultótico do seu tempo a nivel internacional, como é o problema da conciliación entre a autonomía da forma esculpida e a ambición expresiva da sociedade moderna, cerna dos debates plásticos da escultura durante as primeiras décadas do pasado século, que no seu caso se evidencia, por pormos algúns exemplos, na concepción xeral da obra, na maneira de tallar a madeira, na pintura directa sobre as pezas e na utilización de remaches metálicos. Asorey traballa coa talla directa -técnica que recuperou un lugar central na práctica de numerosos escultores a comezos do século XX- e somete así a forma a tensións novas na procura dunha enerxía plástica ligada certamente á tradición galega mais con valores universais.

A principios dos anos vinte comeza a desenvolver un realismo de intensidade expresiva e forza telúrica coa muller galega como tema e como mito, convertida en arquetipo da Terra Nai, sempre con maiúsculas na linguaxe da época. A influencia románica e popular, son figuras que portan exvotos e que se converten en si mesmas en ofrendas, e que o artista talla e polícroma, pintando directamente sobre a madeira e acrecentando fragmentos metálicos. Neste sentido destacan obras como Ofrenda a San Ramón (1923) ou O tesouro (1924) onde o sentido de exvoto ocupa a cerna da construción plástica e crea imaxes da muller labrega de rexa estrutura cunha coidada policromía e unha técnica esgrevia e expresiva. O hieratismo destas pezas lembra a escultura exipcia, formas de arte popular ou mesmo as ríxidas poses fotográficas das clases populares do seu tempo, como as de Ksado. Nesta liña de traballo insírense obras como A Santa (1926) e o San Francisco (1926); nesta última crea unha imaxe do santo de inxenuo primitivismo cunha coidada policromía e unha técnica expresionista.

Neste terreo cómpre subliñar tamén A Naiciña, (1922) e Nai de dor (1931) que son case o compendio das procuras do autor ao longo da década dos vinte e comezos dos trinta. Esta última é, alén diso, unha peza de tamaño monumental, de máis de dous metros de altura de madeira policromada. A Naiciña preséntasenos como unha auténtica Mater Gallaeciae, que dialoga con obras fundamentais da arte galega desta altura como a Muller sentada (1930; colección privada) de Carlos Maside. En ambas, A Naiciña e Nai de dor, percibimos, como en Maside, unha fascinación plena polo popular, pola súa corporeidade, semellante á que se produce noutros contextos artísticos pola definición dun canon que combine o popular e o moderno. Asorey escúlpeas non cunha actitude distanciada, desde fóra, senón desde dentro, desde unha presenza ligada á súa experiencia vital e á súa vida cotiá, un mundo que é enxergado non cun ollar distanciado e compracido, senón cunha vontade de comprensión fonda.

Ofrenda a San Ramón (1923). Na imaxe pequena: Monumento a Curros Enríquez na Coruña (1929-1934).  |  FOTOS: ARQUIVO

"Monumento a Curros Enríquez" na Coruña (1929-1934). / Arquivo

Obra no espazo público

O Monumento a San Francisco de Asís (1926-30) de Santiago de Compostela culmina este ciclo, sen dúbida o período máis valioso de toda a súa arte. Francisco Asorey deseña un enorme cruceiro, situando no pedestal o inframundo –inspirado no Pórtico da Gloria–, na parte superior presenta a sociedade medieval estamental (guerreiros, monxes e labregos), culminando o conxunto San Francisco, as virtudes e sobre todos Cristo.

Outra obra relevante é o Monumento a Curros Enríquez da Coruña (1929-1934), onde utiliza unha simboloxía inspirada nunha atenta lectura do poeta de Celanova. Enmarca a obra entre antas abertas, recorrendo ao oco. O poeta está situado nunha porta aberta, simbolizando a súa ligazón co pasado. Debaixo aparecen outra volta os monstros –como no San Francisco-, mais agora son as lacras sociais denunciadas por Curros: a usura, o caciquismo... como se dun novo bestiario se tratar, ligado ás ideas de progreso e redención social do poeta ourensán. Os monstros son sometidos pola lira combativa do vate, en canto, após el, unha masa humana loita contra a opresión. O monumento culmina coa personificación de Galiza, unha muller forte e decidida que ergue as mans.

Entre as obras posteriores pódese destacar o Monumento ao aviador Loriga (1933), realizado en Lalín, no que dominan as liñas rectas e as interseccións, evocando a unha cruz, de esquema máis simple e que asume certos modos lenemente poscubistas, moi de moda na escultura monumental desta altura.

Suscríbete para seguir leyendo