Francisco Asorey será o homenaxeado do Día das Artes Galegas de 2024

Está considerada unha das figuras máis relevantes da renovación da arte escultórica española do século XX

“A Santa” de Asorey, no Gaiás.

“A Santa” de Asorey, no Gaiás. / Xoán Álvarez

Redacción

A Real Academia Galega de Belas Artes (RAGBA) decidiu homenaxear ao longo de 2024 e, en especial, no Día das Artes Galegas do 1 de abril ao escultor cambadés Francisco Asorey. A decisión foi adoptada nunha reunión celebrada o pasado sábado na sesión ordinaria da institución no Museo de Arte Contemporánea de Vigo (MARCO).

Nado en Fefiñáns (Cambados, 1889), o artista finou en Santiago no 1961. Está considerado un dos renovadores da arte galega e unha das figuras máis relevantes da renovación da arte escultórica española do pasado século. “Falar de Francisco Asorey, vinculado á RAGBA e á Real Academia de Belas Artes de San Fernando, é falar da escultura galega por antonomasia. É a significación da escultura galega contemporánea, un escultor imprescindible e un dos grandes artistas galegos do século pasado”, destaca o presidente da RAGBA, Manuel Quintana Martelo.

Estudou no colexio dos Salesianos en Sarrià (Barcelona) para adicarse a ser profesor de debuxo na escola que tiñan en Barakaldo. Tamén viviu uns anos en Madrid, onde entrou en contacto co ambiente artístico da capital, e onde coñeceu ó pintor Julio Romero de Torres e onde comezou os seus traballos artísticos de relevancia.

Francisco Asorey será o homenaxeado do Día das Artes Galegas de 2024

Francisco Asorey. / REDACCIÓN

Foi en 1918 cando gañou a praza de escultor anatómico da facultade de Medicina de Santiago, a onde se traslada a vivir e onde casa con Jesusa Ferreiro en 1920, época pola que monta un taller de escultura na rúa Caramoniña (xunto ao convento de San Domingos de Bonaval).

Formou parte do Cenáculo dos Inmortais, participando nos faladoiros que se celebraban tódalas noites no Café Suizo e ás que tamén acudían intelectuais como Luis Ameijeiras, Carlos Amigo, Miguel Barca, Xavier Bóveda, Baldomero Cortés, Arturo Gallego, Ramón G. García Lago, os irmáns Benito e Carlos Maside, Manuel Ortiz Novo, Sergio Pino e Amado Villar, na súa maioría poetas e xornalistas e, nalgúns casos, escultores, pintores, políticos, médicos, avogados e mestres.

Realiza neste tempo algunhas das súas obras máis importantes, en madeira policromada, como “Picariña”, “Naciña”, “O Tesouro”, “Ofrenda a San Ramón”, “A Santa” e “San Francisco” (1ª Medalla da Exposición Nacional de Belas Artes de Madrid).

“A Santa”, pola súa parte, que pertenceu á Casa de Galicia en Montevideo, quedarase de forma definitiva no Museo Zorrilla situado na capital uruguaia. Foi considerada na súa época unha obra provocadora xa que se trataba da representación dunha muller labradora galega, espida, coa que rompeu coas convencións estéticas e coa corrección política do seu tempo. Durante o ano 2000 foi unha das pezas centrais da exposición “Galicia, un relato no mundo”, no Gaiás.

Nos anos 30 Asorey trasladou o seu taller a Santa Clara, onde creou os grandes monumentos “Loriga”, “Curros Enríquez” e “Virxe de Tanxil”, entre outros. Durante os anos da guerra civil viviu nun plano discreto, pese a que seguía traballando, facendo en moitos casos obras para as autoridades franquistas, aínda que tamén ten tempo para asumir encargas como “A Piedade” para o Panteón do Centro Galego de Bos Aires, o monumento ao Padre Feijoo no Mosteiro de Samos, o monumento a Ramón Aller en Lalín ou a talla de madeira do Cristo da Igresa de Santa María de Moiá en Barcelona.

Foi proposto como académico numerario da Real Academia Galega de Belas Artes por José Baldomir Rodríguez, Narciso Correal y Freyre de Andrade e Eladio Rodríguez González, nomeado por unanimidade o 23 de abril de 1944. Tomou posesión o 9 de novembro de 1947 na sede da Academia. En 195 foi nomeado académico de honra da Real Academia Galega.