Andainas

Trece rutas percorren a natureza tudense ata xuño

Mañá terá lugar a terceira

d.p.

Coñecer as aves dende a beira do Miño, un paseo en barco, percorrer a senda do río Furnia, gozar da natureza en rede Natura en Ribadelouro, e mesmo visitar os xardíns ocultos da cidade será posible grazas as trece rutas que organiza o Concello de Tui, a través da concellería de Turismo. Vanse celebrar até o 30 de xuño.

Mañá terá lugar a terceira das actividades, que consistirá nun paseo en barco, en colaboración con Río Miño en Barco. Haberá dúas viaxes ás 11 e ás 12 cun prezo de 6 euros por persoa. Vai especialmente dirixido a familias, e ao coincidir co Día da Nai haberá un detalle para as nais. Neste caso a inscrición debe realizarse en riominoenbarco.com ou no 662 31 25 20.

Na fin de semana do 11 e 12 de maio percorrerase o senda do río Furnia. O sábado 11 será o tramo na parroquia de Malvas, con visita á exposición de esculturas de Rai, á igrexa de Malvas, ao aserradoiro e aos muíños da contorna, e o domingo 12 ao tramo na parroquia de Pexegueiro con visita á empresa Trigo y Limpio dedicada á produción de trigo callobre e á elaboración de fariña de trigo natural, xunto á igrexa de Pexegueiro, á ponte do Mosteiro e ao Camiño Real.

Esta iniciativa continuará ao longo de todo o mes e do seguinte. As persoas interesadas poden inscribirse gratuitamente na Oficina de Turismo, no correo turismo@tui.gal ou no teléfono 677 41 84 05, coa salvidade de que para a ruta en barco a inscrición farase en riominoenbarco.com ou no 662 31 25 20, e para a XX Andaina Solidaria tudense e o Trilho da Fortaleza en andatui.es.