Eleccións europeas | Ana Miranda Candidata do BNG

“Votar BNG é unha ‘canasta’ triple: a prol de Galicia e do social e en contra da dereita”

“A concesión da AP-9 vai ser declarada ilegal e quero estar na Comisión de Transportes para seguir o tema e que sexa gratuíta”

Ana Miranda, onte en Santiago de Compostela, onde participou nun acto do BNG

Ana Miranda, onte en Santiago de Compostela, onde participou nun acto do BNG / Xoán Álvarez

Daniel Domínguez

Daniel Domínguez

Ana Miranda presume, cun amplo sorriso, de ser a única candidata de Vigo ás eleccións europeas do 9 de xuño. É a punta de lanza do BNG e ostenta o número 3 da coalición Agora Repúblicas que a formación galega integra con ERC, EH Bildu e Ara Més. De non lograr tres representantes, a dirixente nacionalista rotaría como eurodeputada en función dos resultados de cada formación da alianza.

–Por que debe un votante apostar pola súa candidatura?

–Pois porque somos a voz que defende o pobo galego e as cousas de comer, as cousas de vivir, de como moverse, como poden ser a AP-9 ou o Corredor Atlántico, e, sobre todo, porque somos unha voz libre no Parlamento Europeo como vimos demonstrando ao longo destes anos. Poño exemplos: o Corredor, o accidente de Angrois, Altri.... Sempre que pasa algo en Bruselas é da man do BNG: somos o voto útil. Gústame o baloncesto e creo que votar BNG é unha ‘canasta’ triple: votas na defensa de Galiza, votas contra a ultradereita e a dereita e votas polo tema social.

–O outro día dicían que votalos a vostedes era votar “polos da casa”. Non son galegos o resto de candidatos de PSdeG ou PPdeG?

–Son deputados galegos, non teño ningún problema con iso. A cuestión é que nós non temos que renderlles pleitesía aos partidos en Madrid.

–As europeas son uns comicios de circunscrición única, contan os votos de todo o Estado. Teme que a perda de apoios de Esquerra en Cataluña lastre o seu resultado?

–Unha circunscricción electoral estatal non sempre é favorable para un partido nacionalista, pero dobramos o voto nas pasadas europeas e imos traballar para ter un gran resultado. A papeleta do BNG é do BNG e faremos unha campaña 100% galega. Aspiramos conseguir ese terceiro escano e imos falar de temas falegos. Pero tamén somos unha candidatura de esquerdas e o voto útil para a esquerda vai estar tamén na nosa candidatura. Escribiume xente de Logroño ou Andalucía dicíndome que conte co seu apoio.

–Falaba antes de exercer de dique contra o avance da ultradereita. Parece que Europa foi xirando a gobernos máis conservadores, como Italia ou Portugal. Como cre que afectará iso o 9 de xuño?

–A dereita avanza e, desde logo, nós temos que ser unha forza de contención da ultradereita e desa dereita que avala e que branquea a ultradereita, como vemos con Vox e PP, ese dúo dinámico que no Parlamento Europeo se sentaban incluso xuntos cando había debates e que nin me deixaban falar na miña lingua. Teñen un discurso xenófobo e racista, contra os dereitos das mulleres ao aborto, negacionismo climático...

–Tamén chocan sobre Palestina.

–É unha hipocrisía moi grande da UE, que tiña que rachar relacións diplomáticas con Israel como fixeron Brasil, Colombia ou Sudáfrica ante este xenocidio.

–Falemos de cuestións sectoriais. A UE aprobou recentemente a nova Política Agraria Común. Que lle parece?

–Temos que cambiar a visión da PAC, que non contempla o elemento territorial e a peculiaridade do reparto da terra en Galiza. Aquí hai un conflito entre o eucalipto e o agro. E o PP está co lobby do eucalipto, como estamos a ver con Altri. E falta un elemento social na PAC para que os agricultores reciban rendas dignas e xustas dacordo á produción e non á propiedade ou ás hectáreas, que é o que está pasando.

–E na pesca? Porque o sector vai perdendo mariñeiros e estes quéixanse de menores cotas, de máis trabas burocráticas...

–É unha enorme batalla. Galiza é unha nación pesqueira, con 80.000 postos vinculados ao mar. Preocúpame o que lles pase aos traballadores a ás empresas, preocúpame que Conxemar non se saque de Vigo para Barcelona, por exemplo. O comisario prometeu unha reforma de política pesqueira común e o que fixo é un plan de acción totalmente alonxado da realidade galega. Non somos nin zona altamente dependente da pesca, algo que pedimos desde hai anos.

–A UE abriu unha investigación sobre a posible ilegalidade da prórroga da concesión da AP-9 autorizada polo Goberno de Aznar. Como cre que rematará ese asunto?

–O caso está sendo investigado pola comisión e acabamos de pedir o acceso ao expediente. Creo que vai a ser declarada unha concesión ilegal. Quero ser membro da Comisión de Transportes para o seguimiento deste tema e para que, por fin saiamos, de Vigo e cheguemos a Santiago, coma hoxe, de xeito gratuíto por esa autopista.

“Non vou entrar no marco do insulto do PP, parece que non lles interesan as europeas”

–O PP, a través de Paula Prado, insiste en atacar a súa alianza con Bildu, sostendo que un dos seus asesores e agora número 2 da candidatura de Agora Repúblicas foi condenado por terrorismo. Que lle resposta a ela e tamén aos electores?

–O PP está moi preocupado de falar de nós. Moléstalles que haxa un voto de casi medio millón de galegos. Está moi preocupado e non fala das europeas, de que deixaron de gastar fondos europeos, non fala de que as mariscadoras estén neste momento sen cobrar... Se queren recorrer a candidatura, que vaian á Xunta Electoral.

–Pero Pernando Barrena si foi condenado pola relación con ETA...

–Un elector galego vai votar por Ana Miranda, nacida en Cuntis e de Vigo. Non vai votar por outra persoa.

–Perdoe que insista, pero parece que esquiva a pregunta.

–Non esquivo as preguntas. Non vou entrar no marco do PP do insulto e da lama. Meus pais ensináronme que non se insulta tampouco ao rival político, veñen dunha aldea, foron clase obreira e nunca lles regalaron bolsos de marca, como a outras. A min tampouco. Que empecen con algo de educación porque a campaña que fixeron nas galegas é de libro de desinformación e estamos pendentes de presentar unha denuncia por infamia. Ao PP parece que lle interesa seguir con temas que están asumidos pola democracia. E non vou entrar a valorar a lista do PP, que tamén moi moitos condenados por corrupción.

Suscríbete para seguir leyendo