Cultura
Tomiño sube ao autobús do teatro polos 40 anos do CDG
O Centro Dramático Galego celebra o seu 40 aniversario ofrecendo un servizo de bus para ver “Os actos e as profecías”, o 15 de maio
D.P.
Tomiño será unha das paradas do autobús do teatro. Coincidindo co seu 40 aniversario, o Centro Dramático Galego (CDG) puxo en marcha unha nova edición do seu programa de mobilidade, unha iniciativa pola que se porán autobuses de balde para achegar a súa produción cultural e teatral ao público á veciñanza de toda Galicia.
O Concello de Tomiño forma parte desta iniciativa que permitirá achegar a tomiñeses e tomiñesas ata o Salón Teatro de Santiago de Compostela e desfrutar da representación da última obra do CDG, “Os actos e as profecías”. A cita será o mércores 15 de maio, data na que o autobús do teatro parará na rotonda da Avenida República Arxentina para saír ás 15.30 horas cara a Santiago para ver a función, que comezará ás 18.00 horas e regresar de novo a Tomiño ás 20.30 horas. O programa inclúe o desprazamento de ida e volta gratuíto e un desconto para asistir ao espectáculo, que contará con entradas a 3 euros.
Con este programa, o CDG busca reformular a idea clásica dunha xira, achegando ao público a unha localización estratéxica como alternativa a desprazar a produción ao completo, superando os límites xeográficos. Para a alcaldesa de Tomiño, Sandra González, ter acceso a este tipo de iniciativas “permite achegar á veciñanza ao teatro dun xeito equitativo, doado e asequible. A cultura é un dereito fundamental e a gratuidade do transporte garante que todas e todos teñamos a oportunidade de gozar dela, fortalecendo o tecido teatral e cultural galego”. As persoas interesadas poderán solicitar máis información no teléfono 986 622 001 e inscribirse a través da web municipal.
- O Festival de Cans avanza os concertos da súa XXI edición
- Unha alumna de 1º da ESO leva Nigrán ao Congreso
- Brais Méndez e a ONG IGAXES únense para loitar contra o odio
- Gondomar, Baiona e Nigrán celebran a Festa da Bicicleta
- A parentalidade positiva estúdase a fondo no IES Val do Tea
- 200 ciclistas correrán a VIII “Challenge Rías Baixas”
- A élite nacional do tenis de mesa brilla en Mos
- A cativada nigranesa aprende orientación