“A primeira persoa en Marte vai ser unha muller, para limpar todo”

“Estes traballos de limpeza son precarios porque os fan mulleres? Ou porque os fan mulleres, son precarios?” y “O humor é unha ferramenta para sobrevivir”

Areta Bolado, Noelia Castro e Ailén Kendelman, en Salceda.   | // D.P.

Areta Bolado, Noelia Castro e Ailén Kendelman, en Salceda. | // D.P. / laura porto

laura porto

Noelia Castro, Ailén Kendelman e Areta Bolado, naturais da nosa bisbarra, son as fundadoras de A Panadaría. Actúan, dirixen, ecriben e compoñen a música dos seus espectáculos. Cada unha delas é parte fundamental e necesaria de cada área creativa e, por iso, non é doado definilas.

O seu traballo aseméllase un pouco ao do pan que lles dá nome, e que a través da man que porfía en amasar convirte elementos distintos (auga, fariña, sal) na amálgama indiscriminable que é o alimento primixenio.

Falamos con elas en Salceda de Caselas. Alí, o 28 de abril e dentro do programa de igualdade do Concello,amosaron o seu traballo As que limpan, unha sátira utópica sobre a loita das camareiras de piso polos seus dereitos laborais, ambientada na ficticia illa galega de “La Jota”, e que acumula xa 170 funcións por todo o territorio español.

- Para facer este espectáculo entrevistástesvos con moitas limpadoras e colectivos de “kellys”. Que foi o máis inspirador?

Ailén: Fixemos moitas entrevistas a camareiras de piso, tanto de Galicia coma de fóra. Pareceunos moi interesante ver que as reivindicación eran as mesmas. Iso axudounos moito a ver que temas tratar. Todo o tema das enfermedades laborais, toda a carga de traballo... Tamén non ser recoñecidas. Moito do que nos dicían era: “a min o que non me gusta é ser invisible, que unha persoa que está aloxada no hotel pase diante de min e nin me saúde, coma se eu non fose unha persoa”. Tamén nos pediron “que non sexa un drama, queremos rir”.

Areta: Que non querían ser vítimas, tamén. Ás veces é complicado atopar a comedia falando de temáticas que son de caso de explotación, de abuso… Pero elas axudáronnos moito. Empregan moito o humor cando falan da súa situación. Supoño que tamén é unha ferramenta para sobrevivir.

- Como se loita sen vitimizarse, cando de feito es vítima de algo?

Areta: Es vítima pero ao mesmo tempo tes esa dignidade, esa resistencia. Tamén algo moi forte entre elas, de axudarse e tentar atopar momentos bos.

- As protagonistas que escollestes para a vosa peza, que son coidadoras invisibles, son un grao superlativo do que implica ser muller no mundo?

Ailén: Por iso facemos a pregunta de “quen limpa a casa da limpadora?” Hai estudos que din que as mulleres dedicamos 20 horas semanais, e os homes dedican 11.

Noelia: E tamén esta pregunta de: estes traballos de limpeza son precarios porque os fan mulleres? Ou porque os fan mulleres, son precarios? E logo, cando se fantasea de que os poderosos van ir a vivir a Marte ou a outros planetas, a quen van levar? Van ter que levar a alguén que limpe e se encargue dos coidados, porque se non, alí arriba…

Areta: A primeira persona en chegar a Marte vai ser unha muller, para limpar todo.

-Habería que repensar o que é un traballo esencial, e como debe estar valorado?

Areta: Comentabamos con Eva Mejuto, que estivo nalgún ensaio... Ela é filla de limpadora, como pode ser Noe, ou Ailén, que é neta, toda esta vergoña das fillas de limpadoras, e como estamos a vivir cousas moi bonitas no espectáculo. Aínda nos chegou por redes unha mensaxe dunha rapaza, no bolo de onte, dicindo “a miña nai fixo que sairamos adiante limpando un prostíbulo de luns a venres por 50.000 pesetas”. Esta historia repítese moitísimo. Hai algo no espectáculo de dignificar, de cambiar a vergoña por orgullo.

-Vós sempre traballades dun xeito horizontal. Sodes co-autoras, co-directoras, e actrices. Por que facedes esta escolla?

Ailén: Entre as tres imos chegando a acordos, porque cando fas algo en grupo tes que traballar en ceder e en dar. E todo ese xogo é moi valioso, porque chegamos a lugares aos que soas non chegariamos.

Areta: Que se poidan escoitar todas as voces na creación faino menos produtivo, nun sentido capitalista, e máis lento, pero máis rico e cheo de matices.

Ailén: E tampouco nos gusta ese modelo dunha persoa que é coma unha especie de Deus e que vai dicirnos o que temos que facer. En Elisa e Marcela si que tivemos unha dirección, de Gena Bahamonde, e tampouco Gena nos dicía exactamente o que tiñamos que facer. Temos unha parte de creación, moi importante, que está presente en todos os nosos espectáculos.

Areta: Como, sendo tan progres nas artes, é tan patriarcal o sistema de creación?

- Hai unha certa horizontalidade mesmo na recepción do público, que se dirixe a vós como iguais.

Noelia: Porque xa a houbo tamén antes do proceso. Seguimos recibindo. De feito o espectáculo vai cambiando. Pouquiño, pero se recibimos algo que nos parece interesante o espectáculo vai mudar. Agora con todos os temas de actualidade política, que son moi creativos, ímolos collendo.

Areta: É algo que queríamos transmitir ao espectáculo. A forza do colectivo está aí. Xusto unha das reivindicacións do espectáculo é esa.

Ailén: Nós facemos un teatro popular, porque para nós é importante que chegue a todo o mundo.

- Que diferencias hai na recepción do espectáculo en Galicia e fóra?

Areta: Hai cousas de contexto ás que aquí facemos alusión, que se perden totalmente fóra.

Noelia: Pero hai outras partes de tópicos do que fóra coñecen de Galicia, que disfrutan doutro xeito.

Areta: É diferente segundo a zona. É certo que por exemplo cantamos unha canción en galego, sempre, fóra. A min sérveme para decatarme de que todos estes conflitos coas linguas propias doutros territorios é unha cousa totalmente inflada dende a política, porque lles interesa… Porque a xente…

Noelia: Reciben xenial!

Areta: Aplauden ao final, hai xente que mesmo repite connosco o retrouso da canción. Penso que mesmo valoran moito poder escoitar algo en galego.

Noelia: Eu coa xira decátome de que en case todos os lugares teñen unha lingua propia. Son moi poucos os que non a teñen. É moi enriquecedor.

A arte de amasar en común

O teatro ten coma característica unha certa rixidez xerárquica nas actividades produtivas que, coma na alta cociña, semella herdada da estrutura militar tradicional imposta polo ollar masculino e que, por outra banda, adoita non corresponderse coa realidade dos procesos.

Compañías como A Panadaría demostran que é posible colectivizar as cociñas e os hoteis, para que sexan xestionados en equidade polas mans que os traballan.

As que limpan é berro, risada e voz dunha cosmovisión que pasa pola vinculación entre progreso e apoio mutuo. Unha das leccións que, sen pretendelo, ensinan as que limpan, e As que limpan (porque as obras, ás veces, replican os procesos), é que sen coidados non hai futuro, nin xeito de eludir a barbarie.