Cultura

Play-Doc reivindica o cinema galego na súa 20 edición

O festival inaugura este ano a sección Sombras, adicada a recuperar filmes de cineastas galegos

Canto de emigración proxectarase mañá ás 21:00.   | // D.P.

Canto de emigración proxectarase mañá ás 21:00. | // D.P. / d.p.

d.p.

Play-Doc, Festival Internacional de cinema de Tui, que comezou este mércores e remata mañá, conta xa con vinte anos de historia, nos que o compromiso do festival co cinema galego foi permanente, servindo como punto de encontro e plataforma de promoción da industria local.

Este ano, ademais de contar coa habitual competición de cinema galego, inaugurará a sección Sombras, dedicada a recuperar a obra de cineastas galegos clásicos cuxa traxectoria non foi suficientemente difundida.

Competición Galicia

A tradicional sección competitiva galega propón un percorrido caracterizado pola diversidade de propostas. A través dos seus trece títulos, este programa tenta tender pontes entre a memoria e o presente, a través de temáticas como son os lazos familiares, a narración oral, a ecoloxía ou as historias de inmigración e emigración. A conexión coas orixes faise presente na maioría dos filmes seleccionados, que buscan reforzar os lazos co pasado coa familia como protagonista de moitos deles.

Entre as películas que poñen o eixo na memoria histórica e familiar, están 12 de Maio 1937, de Mar Caldas, que lembra a un concelleiro socialista fusilado durante a Guerra Civil; En O auto das ánimas, de Pablo Lagos Dantas, contemplamos a unha familia que se reencontra para revisar a súa historia; Os espazos en branco, de Bruno Arias, segue ao director no seu intento de lembrar á súa tía, Xela Arias; Queimar cando morra, de Inés Pintor, examina o rol da muller a través dos obxectos da súa avoa e Segunda II, de Anita Pico, narra a historia dunha matriarca do pobo de Couso.

O pasado cobra vida no presente en Aurora, o filme de Area Erina, que se apoia na conversación entre mulleres de diferentes xeracións; Corre o vento, de Paula Fuentes e Guillermo Cabrera, segue a unha muller que desencadea unha transformación no pobo do seu avó; Pechar caixas abrir caixas, de Hugo Amoedo, é unha reflexión sobre o retorno a Galicia, mentres que Viaxar aos teus recordos é buscar pelexa, de Daniel Pérez Silva, explora o concepto de nostalxia. Un camiño máis experimental percorren os dous filmes de Xacio Baño, Non te vexo e Platónico, platónica, que traballan, respectivamente, sobre as imaxes descartadas e a intelixencia artificial; Lavadoiro, de Anna Amado e Lois Patiño, reflexiona sobre os espazos de traballo doméstico e de encontro feminino, e Salvaxe, salvaxe, de Emilio Fonseca Martín, cuestiona a relación entre os humanos e a natureza.

Sombras: Tony Román

Sombras é un novo espazo que o festival abre dedicado á memoria dese cinema que hai décadas en Galicia se fixo con tanto empeño e talento, infestado de traballos estimulantes, imprevistos, singulares e que o festival quere traer de novo á pantalla.

Play-Doc comeza coa figura de Tony Román, que dirixiu películas emblemáticas dos anos 40 e 50, pero que na súa primeira etapa caracterizouse por un interesante enfoque máis vangardista e experimental.

A obra de Tony Román en Play-Doc preséntase en dobre sesión, ambas as comentadas e conducidas polo recoñecido guionista e produtor galego Pepe Coira. Nun primeiro pase revisarase principalmente o traballo de Román durante os anos trinta, comezando coa súa película Ciudad encantada (1936), unha fábula que explora o conflito entre a vida urbana e rural, así como entre a cultura académica e popular. Tamén poderemos revisitar o clásico O carro e ou home, fascinante documental etnográfico rodado en 1940 en Galicia, que se centra na vida rural galega.

A segunda sesión ten unha proposta máis especial dedicada exclusivamente a Canto de emigración (1935). Inspirada nun debuxo de Castelao, trátase dunha película desaparecida da que só se conservan varias fotografías, un esbozo de guion e a partitura que o músico tudense Teódulo Páramos compuxo especialmente para ela. Non son materiais suficientes para recuperar a película, pero si para evocala. Baixo a dirección de Pepe Coira e coa colaboración da Orquestra Clásica de Vigo que, mañá ás 21:00 interpretará en vivo a música orixinal desta obra, Play-Doc ofreceao público unha experiencia evocadora do que puido ser esta xoia perdida do cinema galego.