Sociedade

A iniciativa CoidaMos recibe o premio “Escoba de Plata”

Mos recollerá en xuño o galardón que premia a sustentabilidade e a limpeza

O equipo de limpeza municipal xunto a Nidia Arévalo.   | // D.P.

O equipo de limpeza municipal xunto a Nidia Arévalo. | // D.P. / d.p.

d.p.

O Concello de Mos vén de recibir a boa nova de que é un dos gañadores do prestixioso premio nacional “Escoba de Plata”. A administración local recollerá o galardón en Madrid na Feira Internacional TECMA, do 18 ao 20 de xuño.

A deste ano trátase da XIX edición do Concurso, organizado por ATEGRUS, Membro Nacional de ISWA, que promove esta nova convocatorioa do concurso nas categorías de Prata, Ouro e Platino.

O concurso está dirixido a Municipios, Deputacións, Mancomunidades, empresas, universidades, centros tecnolóxicos e de formación, etc. A competición é un intento de valorar aquelas actuacións realizadas para mellorar a nosa contorna e apostar pola sustentabilidade, premiando os esforzos encamiñados a estimular os avances tecnolóxicos e de concienciación, que sirvan para mellorar a nosa calidade de vida e protexer o medioambiente.

O Concello de Mos presentouse á categoría “Escoba de Plata”, na que resultou vencedor polo seu “proxecto de reorganización dos servizos de limpeza e recollida, potenciando a prevención na xeración de residuos, a reutilización e a reciclaxe. Afianzando un compromiso da veciñanza coa limpeza, construíndo un municipio sostible desde o punto de vista ambiental, económico e social”. Tal e como explicaron as representantes municipais Arévalo e Méndez Senlle.

A participación neste concurso e este novo galardón veñen a ampliar e dar continuidade ás iniciativas enmarcadas na novidosa e pioneira campaña medioambiental mosense CoidaMos. Así, continúase a implementar a nova campaña municipal CoidaMos, por un Mos máis limpo. Esta campaña, desde a súa presentación e posta en marcha en novembro do ano pasado, xa está a dar os seus froitos con resultados visibles e que se materializan tamén en recoñecementos como este premio “Escoba de Plata” e a Bandeira Azul para o Paseo do Louro.