Natureza

Nigrán celebra o día da árbore plantando especies autóctonas

Xunto á Brigada Forestal Municipal e aos axentes medioambientais de zona plantáronse 46 exemplares

Xornada de plantación en Nigrán.   | // D.P,

Xornada de plantación en Nigrán. | // D.P, / D.P.

D.P.

O Concello de Nigrán celebrou o “Día Internacional da Árbore” cunha plantación de 46 exemplares xunto ao CEE Juan María, no terreo ao carón do muíño de Porto do Molle, rehabilitado polo Concello de Nigrán.

Así, unha trintena de usuarios e usuarias traballaron xunto á Brigada Forestal Municipal, os axentes medioambientais da zona e o alcalde e a edil de Educación, Juan González e Estela Pérez, plantando bidueiras, serbais dos cazadores, pradairos, amieiros e abeleiras (estas dúas son especies propias dos bosques de ribeira, como é o caso). “Esta será unha zona de esparexemento marabilllosa, porque por unha banda está o muíño, por outra o paseo do río e, por outra, este espazo de bosque onde poremos bancos e mesas para estar aínda máis a gusto”, explica o alcalde, Juan González.

O día da árbore celébrase cada ano coincidindo coa entrada da primavera no hemisferio norte, para lembrar a importancia de coidar as superficies arboladas e os bosques, fundamentais para a loita contra o cambio climático e a protección do solo.