Cultura

Teatro, concertos e obradoiros na axenda de primavera de Tomiño

A Coral Polifónica actúa mañá, ás 19.00 horas, no auditorio de Goián

Arriba, representación da obra “Que din as rumorosas”. Abaixo, celebración adiada do Entroido: Domingo de Foliada.   | // FDV

Arriba, representación da obra “Que din as rumorosas”. Abaixo, celebración adiada do Entroido: Domingo de Foliada. | // FDV / d. p.

d. p.

Tomiño desfruta xa da súa ampla programación de primavera, unha axenda con quince propostas e máis de 50 horas de lecer para os meses de marzo, abril e maio con actividades para todos os públicos e todos os gustos. Unha morea de iniciativas centradas na música, nas artes escénicas e na formación da mocidade tomiñesa “coas que continuar ofrecendo aos nosos veciños e veciñas alternativas de ocio de calidade durante todo o ano, actividades que recollen os seus intereses e que fan de Tomiño un concello cheo de vida, diversión e lecer”, sinalan fontes municipais.

Teatro, concertos e obradoiros na axenda de primavera de Tomiño

Teatro, concertos e obradoiros na axenda de primavera de Tomiño / d. p.

A programación de primavera conta cun ciclo de teatro dirixido a público adulto que traerá ao auditorio de Goián algunhas das mellores obras do momento. Este mes de marzo xa se representou “Que din as rumorosas”, de Maquinarias Teatro. No mes de abril, o sábado 6, será a quenda de “De algo hai que morrer”, de Malasombra Producións, unha conferencia fúnebre, cómica e teatral na que dous prestixiosos pero peculiares científicos divulgan as súas investigacións sobre un tema que afecta ao cen por cen da poboación mundial: a morte. E o sábado 20, estará no escenario “Iribarne”, de Butaca Zero, unha investigación escénica sobre unha desas figuras do noso pasado recente sen ser un biopic. Ámbalas dúas sesións serán ás 21.00 horas.

A cativada tamén poderá desfrutar do teatro co ciclo para público familiar, que levará diferentes obras ao Aaditorio de Goián os domingos ás 17.30 horas. Arrancou con “Travesía Unicornio”, de Urdime Teatro e para abril están programados, o día 7, “A illa da deslembraza”, de Ártika, na que se abordarán recordos que veñen e van, e, o día 21, “O secuestro da bibliotecaria”, de Sarabela Teatro.

As entradas de todas as obras de teatro, tanto para público adulto como familiar, deberán mercarse de forma presencial no despacho de boletos do propio auditorio dende unha hora antes do comezo do espectáculo.

Esta primavera Tomiño tamén desfrutará dun ciclo musical con tres concertos de balde para todos os públicos no auditorio de Goián. Iníciase mañá domingo, ás 19.00 horas, coa actuación da Coral Polifónica de Tomiño que ofrecerá o seu tradicional concerto de primavera, no que fará gala do seu amplo repertorio musical. O sábado 13 de abril, ás 20.00 horas, a Agrupación Musical de Goián ofrecerá o Concerto do Socio, co que se busca agradecer o apoio incondicional de todas as súas persoas asociadas. Mentres, o sábado 27 de abril, tamén ás 20.00 horas, a Agrupación organizará o Encontro de Bandas Escola, un concerto variado co que apoiar ao alumnado das escolas de música.

E se de algo chega cargada a primavera a Tomiño é de obradoiros formativos para a mocidade. Ademais do curso de monitor de lecer e tempo libre de 350 horas que xa está en marcha e que tivo una grande acollida, o pasado sábado celebrouse unha nova edición do taller de bordado sobre fotografía en tea con dous novos grupos de traballo dada o grande interese que espertou na súa primeira edición, que se pechou con lista de agarda.

Xa no mes de abril, a OMIX de Tomiño porá en marcha un curso de horticultura ecolóxica que se celebrará os sábados dende o día 5 de abril ata o 10 de maio, de 18.00 a 20.00 horas na Escola Obradoiro de Goián.

En maio a música tradicional será a protagonista cun obradoiro de bailes de serán os días 1 e 4, de 10.00 a 14.00 horas no auditorio de Goián, e outro de construción de pandeiretas na Praza Cultura de Goián o 25 de maio, no mesmo horario.

Os formularios de inscrición para participar nestes cursos están dispoñibles, de forma paulatina e a medida que se achegue a data de inicio, na web municipal.