Mulleres comprometidas co futuro no rural

A rosaleira Luisa Alonso, homenaxeada no III Foro da Muller Rural de Eu Rural.   | // FDV

A rosaleira Luisa Alonso, homenaxeada no III Foro da Muller Rural de Eu Rural. | // FDV / d. p.

d. p.

Eu Rural declara marzo como mes da muller. Co gallo do 8M, Día Internacional da Muller, ao longo destas semanas a Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste Eu Rural está a dar protagonismo a todas as mulleres do territorio comprometidas e decididas que traballan día a día para crear un futuro mellor para o rural. Faino difundindo nas redes sociais as 14 pezas audiovisuais realizadas ao abeiro da terceira edición do Foro da Muller Rural, que deu voz a 16 mulleres emprendedoras para dar a coñecer uns proxectos que demostran de novo que o rural ofrece moito máis que sector primario.

“Queremos dar visibilidade a todo o traballo que realizan as mulleres no noso rural, mulleres valentes, decididas, que apostan por facer do noso territorio un lugar con futuro, no que novos proxectos laborais e de vida teñen sempre cabida. E queremos facelo ao tempo que reivindicamos a igualdade de oportunidades en todos e cada un dos eidos que compoñen as nosas vidas”, destaca Sandra González, presidenta de Eu Rural.

A campaña comezou co vídeo da homenaxeada deste ano, a rosaleira Luisa Alonso, un exemplo de emprendemento feminino e de aposta polo rural que puxo en marcha hai xa máis de catro décadas Exclusivas Alonso, un comercio dedicado ao mundo do agro que se adaptou cos tempos e viviu toda a transformación agraria no Rosal.

Comparten tamén as súas experiencias e visibilizan as súas realidades o resto das participantes na terceira edición do Foro da Muller: Ana Álvarez, de Pescados Narcisa (A Guarda); Patricia Gómez, de Vouxers (Baiona); Teresa Covelo, da casa niño ‘Curuxa de Lúa’ (Fornelos de Montes); María Alonso, de Alimentación María (Gondomar); Carmen Soliño, de Muebles Soliño (Mos); Judit García, do centro de equitación ‘Llamas de Cea’ (Nigrán); a percebeira Josefa Mariño (Oia); Vanesa Casalmorto e Marisé Casalmorto, de Herboristería Dietsana (O Porriño); Ana Míguez, de ‘Héroes para la ciencia’ (Pazos de Borbén); Merchi Alonso e Anuska Couñago, de Florería AyM (Redondela); a arquitecta María Fandiño, do Rosal; Kinga Maculewicz, de Kinga Trainer (Tomiño), e Ana María Alonso, da tenda artesanal Cabuxa, en Tui.

A Asociación de Desenvolvemento Rural aglutina a 13 concellos: A Guarda, Baiona, Fornelos de Montes, Gondomar, Mos, Nigrán, O Porriño, O Rosal, Oia, Pazos de Borbén, Redondela, Tomiño e Tui.

A asociación está constituída por todas as entidades do ámbito institucional, económico, social, cultural, veciñal, medioambiental ou profesional que desexen implicarse co territorio para o seu desenvolvemento. A entidade funcionan como calquera asociación sen fin de lucro e deben cumprir o principio de “portas abertas” pola que tanto para a súa constitución como posteriormente están obrigadas a admitir a calquera organización do territorio que desexe participar no proxecto.

Eu Rural participará nun foro europeo o 17 e 18 de abril

Será precisamente ao abeiro do proxecto do Foro da Muller polo que Eu Rural participará como poñente o vindeiro mes de abril no ‘Women-led innovations in agriculture and rural areas’, un encontro europeos de expertas organizado pola EU PAC Networks no que abordarán innovacións lideradas por mulleres en zonas rurais, intercambiando coñecementos, establecendo redes de colaboración e coñecendo proxectos de éxito no rural.

O encontro celebrarase o vindeiro 17 e 18 de abril en Cracovia (Polonia) e busca demostrar que a agricultura e as zonas rurais poden ser lugares atractivos para as mulleres, especialmente para desenvolver as súas ideas comerciais e aplicar os seus enfoques innovadores.

Coa súa participación neste foro europeo de expertas, Eu Rural porá en valor o traballo das mulleres do territorio, así como de todas as mulleres rurais, empoderadas e emprendedoras, “as verdadeiras protagonistas do desenvolvemento do rural, que decidiron vivir e traballar en zonas rurais e que se dedican ás actividades máis variadas, ofrecendo exemplos de referencia e futuro”.

TEMAS