A camelia máis xeracional deuse cita en Salceda

Ana, Mª del Pilar e Serafina, xunto con Antonio Rivero, da organización da mostra, a alcaldesa Loli Castiñeira e concelleiros do equipo de goberno local, na XV Xornadas da Camelia de Salceda de Caselas.   | // D. P.

Ana, Mª del Pilar e Serafina, xunto con Antonio Rivero, da organización da mostra, a alcaldesa Loli Castiñeira e concelleiros do equipo de goberno local, na XV Xornadas da Camelia de Salceda de Caselas. | // D. P. / l. costas

Máis de medio século separan a avoa e neta, pero iso non é impedimento para que compartan unha das súas principais afeccións, a camelia. Trátase de Serafina Rodríguez, de 74 anos, María del Pilar Bargiela, de 54, e de Ana Bargiela de 21. Son avoa, filla e neta namoradas desta flor de inverno da cal reúnen nos seus xardíns preto de 200 variedades distintas, parte das cales (unhas 80) amosaron a pasada fin de semana nas XV Xornadas da Camelia celebradas en Salceda de Caselas.

Esta veciñas da parroquia de Atios, no Porriño, participaron no evento coa montaxe de tres dos 69 expositores que se reuniron finalmente neste encontro co que se dá a benvida a nova estación e se despide a tempada desta flor. Precisamente, esta fin de semana celebraranse algunhas das últimas mostras do calendario en Torneiros (Porriño), Padrón e Maia (Portugal).

Ana conta como se iniciou neste mundo, “foi cando eu tiña 8 anos cando participamos por primeira vez acudindo a esta exposición de Salceda de Caselas e, dende entón, non fallamos nin a esta nin a outras moitas”. E fano por afección, non se dedican profesionalmente ao mundo da florería nin tampouco se presentan con intención de gañar ningún premio, pois nalgunhas mostras organízanse concursos. “A miña avoa sempre lle gustaron estas flores, un gusto que herdou a miña nai e tamén eu. É tanta esa preferencia pola camelia que a miña avoa sementou algunha debaixo da viña e ao crecer e ter que escoller, optou por quedar coa flor”, asegura Ana quen destaca o bo clima que temos en Galicia, coa humidade e temperatura adecuada, para que a camelia se dea ben na nosa terra e floreza en todo o seu esplendor ao longo de todo o inverno. Ao respecto do seu coidado, sinala que non require nada en especial, “pódase unha vez ao ano e réganse, como calquera outra flor”.

As XV Xornadas da Camelia de Salceda reuniron a máis de medio millar de variedades desta flor, chegadas de diferentes puntos de Galicia e Portugal. compoñendo máis de 130 metros de exposición. A maiores dos particulares, participaron tamén na mostra o CEP Altamira, Afaga e a Estación Fitopatolóxica do Areeiro.

Mostra no Porriño

A cita máis inmediata na comarca con esta flor de orixe oriental témola esta fin de semana no Porriño. A Asociación San Salvador de Torneiros organiza a décima Mostra da Camelia no seu local social. Abrirase esta tarde, ás 16.00 horas e mañá domingo o público poderá apreciar os traballos de floricultura en horario de mañá, de 11.00 a 14.00, e de tarde, de 16.00 a 20.00 horas.