Festas

Desfiles, concursos, Meco, Berete e música no entroido redondelán

Obradoiros, animación de rúa e concertos abren hoxe o programa

O Meco, que este ano representa a Luis Rubiales, exhíbese xa diante da casa do Concello do Redondela.  | // D. P.

O Meco, que este ano representa a Luis Rubiales, exhíbese xa diante da casa do Concello do Redondela. | // D. P. / D. P.

D. P.

Hoxe comezan as celebracións do Entroido en Redondela. Os nenos e nenas serán os primeiros en poder gozar desta festa, xa que pola tarde, de 17.00 a 19.30 horas, haberá obradoiros para eles na Alameda de Castelao. As rúas da vila encheranse de música e cor co espectáculo “Psychodelia”, de Troula animación, con marionetas e unha bicicleta xigantes, moita animación e a participación do público polas rúas Alfonso XII, Ribeira e Xeneral Rubín. Para rematar a xornada, logo do éxito do ano pasado, o Entroido deste 2024 repetirá a festa do sábado noite no campo da feira. A festa comezará a partires das 21.00 horas coa actuación do grupo La Patrulla, con versións de pop rock español; ás 23.15 Estopaos e o seu tributo a Estopa e ás 00.30 horas sesión DJ co redondelán Rodri Vegas.

Mañá domingo a animación musical comezará ás 17.30 horas da man de Latexo Percusión e ás 18.00 horas fará o seu pasarrúas Tío Emilio, a comparsa representativa do Entroido redondelán. A continuación será o desfile de comparsas que percorrerá as principais rúas da vila e ás 20.30 horas será a entrega de premios.

O martes de Entroido será un día grande en Redondela, coa participación da veciñanza de todas as idades. Ás 17.00 horas comezará o desfile concurso de disfraces individual e colectivo. As inscricións para participar poderán facerse nos soportais do Concello dende unha hora antes, e a entrega de premios será ás 18.45 horas. De xeito paralelo, os máis pequenos terán o seu espazo na Alameda Castelao con diferentes obradoiros desde as 17.00 e ata as 19.30 horas e as rúas contarán con moita animación da man da Batucada Brassica Rapa, unha brass bands feminina cun espectáculo moi variado con grandes éxitos do pop, a música tradicional galega, o jazz ou bandas sonoras de películas. Xa as 19.00 horas, fiel á súa cita, celebrarase a queima do Meco, co espectáculo “Lume” de Troula Animación, e festa continuará coa música da discoteca móbil da Duendeneta na rúa Alfonso XII.

Chapela

O Entroido en Chapela celebrarase o vindeiro sábado, día 17.As comparsas sairán ás 17.00 horas do Alto da Encarnación cos percusionistas e tamborileiros de Aperta. A comitiva do Enterro do Berete sairá ás 18.00 ata a praia de Arealoga, onde se fará a queima.

Para rematar, ás 20.45 horas comezará a música coa discoteca móbil no paseo marítimo.