Deporte

A praia de Patos volve ser núcleo do surf adaptado de España

Celébrase do 24 ao 28 deste mes o campionato nacional e a Copa Concello de Nigrán

Participantes no campionato o pasado ano, en Patos | // FDV

Participantes no campionato o pasado ano, en Patos | // FDV / l. c.

l. c.

A praia de Patos volverá a ser a vindeira semana un exemplo en todo o país do verdadeiro surf universal. O areal acollerá por terceiro ano consecutivo o trofeo Concello de Nigrán de Surf Adaptado (para persoas con discapacidade intelectual) e o Campionato de España de Parasurf (dividido en 7 categorías segundo o tipo de discapacidade física do participante). Esta proba nacional é xusto a antesala do Campionato Mundial que terá lugar a seguinte semana en California coa presencia de moitos destes deportistas.

A novidade é que se desenvolverá desde o martes 24 ao sábado 28, adaptándose o día e hora das diferentes mangas ás condicións do mar co obxectivo de que todos os inscritos poidan competir. O evento deportivo está promovido desde Quenlla Surf Club, Federación Galega e Española de Surf, Xunta e Concello de Nigrán como parte do seu programa de accesibilidade universal “Un Nigrán para todos”.

“Patos é xa sinónimo de inclusión e diversidade ao acoller tres dos catro campionatos de España realizados ata agora. Animo a todo o mundo a que acuda á praia a ver a competición porque recibirá a cambio unha lección de vida e de superación. Somos un exemplo en políticas de accesibilidade universal e agora unha referencia internacional en surf adaptado grazas á sensibilidade das nosas escolas. Esta é a mellor imaxe que podemos exportar do noso municipio e non se limita a un día, se non a todo o ano”, explica o alcalde, Juan González.

Deste xeito, Patos volverá a ser o escenario de competición para decenas de surfistas chegados de todo o país con diversas discapacidades e agrupados en diferentes categorías atendendo a súa especificidade (invidente total ou parcial, falta de extremidade/s superior ou inferior, surfistas que collen a ola sentados ou tombados...)

Todos se aloxarán gratuitamente na Residencia de Tempo Libre de Patos. Aínda que non están confirmadas as persoas que participan este ano, o pasado destacou a andaluza Sarah Almagro, subcampiona mundial amputada das extremidades inferiores e superiores e que xa competiu no 2021; o surfista vasco invidente Aitor Francesena ‘Gallo’ ou Pablo Cabezas, invidente vigués absoluto que aprendeu a practicar surf da man de Luis Pena, do Quenlla Surf Club, que considera que “o deporte transmite valores como o sacrificio, tesón, constancia... e no caso do adaptado máis”.