Tradición

Volve o desfile de tractores a Sela, en Arbo

Celébrase os días 11 e 12 de outubro a Festa da Colleita

l. c.

Un ano máis, e xa van corenta e nove, a Asociación Virxe do Carme de Sela de Arbo organiza a tradicional Festa da Colleita os días 11 e 12 de outubro.

A xornada festiva arranca o vindeiro mércores, a partir das 20.00 horas, coa actuación musical dos tríos 3.com e Azar e degustación de chourizos asados. Xa o xoves 12, o día grande, ás 11.00 horas oficiarase a misa solemne na honra a Santa Isabel e San Martiño co ofrecemento dos froitos da colleita. A partir do mediodía sesión vermú con polbo e viño novo, amenizada pola Charanga OT. Será pola tarde, a partir das 17.00 horas, cando se celebre o tradicional desfile de tractores, adornados con froitos e motivos da colleita e agricultura, que percorrerán as rúas da parroquia. E ás 18.00 horas terá lugar o VIII Concurso de Postres Caseiros. Ao fin da xornada a asociación ofrecerá chocolate de balde para todos os asistentes.

Historia

A Festa da Colleita é unha cita con arraigo no municipio arbense que se remonta á década dos 70 do pasado século e que comezou, segundo os máis vellos da parroquia, coa finalidade de ofrecer como agradecemento a Santa Isabel e San Martiño os produtos da colleita do outono. A celebración xira en torno aos froitos propios da terra cultivados polos campesiños, así, durante os oficios relixiosos, ocupan un lugar destacado as medas de palla, as espigas de millo e as cabazas colocadas nas pallozas.