A vida de mozos e maiores do Porriño nun clic

Alumnado do IES Pino Manso recolle, a través de pezas audiovisuais, as historias de vida das persoas usuarias da Unidade Asistencia de Día da Asociación de Familiares de Enfermos de Alzhéimer e outras demencias de Galicia (Afaga) no Porriño

Usuarios de Afaga con alumnos do IES Pino Manso na presentación do proxecto.

Usuarios de Afaga con alumnos do IES Pino Manso na presentación do proxecto. / FDV

L.C.

“A Vida nun Click” así é o nome da actividade interxeracional que levou a cabo o alumnado do IES Pino Manso xunto coas persoas usuarias da Unidade Asistencial de Día de Afaga (Asociación de Familiares de Enfermos de Alzhéimer e outras demencias de Galicia) no Porriño.

O obxectivo da iniciativa centrouse en escoitar as historias de vida dos maiores e recollelas nun soporte dixital de imaxe, texto e audio. En resumo, crear uns documentos de vida e axudar a que maiores e mozos se coñezan e valoren.

Despois de dous meses e cinco encontros nos que se apostou por conectar a curiosidade do alumnado coa xenerosidade e experiencia dos maiores, esta semana estreáronse os vídeos. O traballo final proxectouse no centro cultural do Porriño en presenza de ambas partes.

Samu traballou con Dorinda, Paula con Lidia, Nash con Fita, Eloy con Carmen, Raúl con Mari Paz, Nabor con Rosa, Iago con María, Nerea e Sara con Fina, Iker con Naty, Isma con Manolo, Yoel con Pepe, Raúl con Cholo e Bryan con Esperanza. Durante a proxección desfrutaron xuntos do traballo final acadado.

"Nin o tempo poderá borrar xa estas lembranzas e por iso o valor deste traballo é incalculable"

O alcalde, Alejandro Lorenzo, puxo en valor esta iniciativa “xa que traballando da man, implicando a todas as xeracións, será como consigamos avanzar e concienciar sobre esta enfermidade”. Lorenzo destacou que “moitas veces é complicado explicar á mocidade o que lle está a acontecer ao seu avó ou avoa, incluso aos maiores nos costa entendelo, e non se me ocorre mellor maneira de explicalo que sexan eles mesmos quen o fagan, os que conten o que senten e o que lles está a pasar. Ademais, gardamos as súas historias. Nin o tempo poderá borrar xa estas lembranzas e por iso o valor deste traballo é incalculable”, asegurou o alcalde durante o acto de proxección dos traballos.