Os garranos atravesan España

baiona O baionés Adrián Martíns, primeiro criador de cabalos de pura raza galega da provincia, completou a primeira das dúas etapas que separan a súa vila natal de Cádiz.

l. c.

De Baiona a Cádiz a cabalo para dar a coñecer aos garranos. Así partiu, dende o Paseo Ribeira, Adrián Martíns, acompañado na súa travesía por outro xinete e o cinematógrafo Luís Piñeiro, encargado de deixar todo plasmado en vídeo co fin de elaborar un documental sobre esta especie de cabalos e, de xeito paralelo, a actitude positiva de afrontar unha enfermidade dexenerativa, unha artrite reumatoide, contra a que loita dende fai unha década este mozo baionés de 31 anos.

Dende moi pequeno Adrián estivo moi de preto cos cabalos de pura raza galega que habitan na Serra da Groba, os chamados garranos, sendo a día hoxe o primeiro criador da provincia desta especie equina, pola que tamén loita para que non se extinga.

Enmarcada neste obxectivo, iniciou fai unhas semanas unha travesía, cuxa primeira etapa xa completou, consistente en atravesar España de norte a sur, dende Baiona a Cádiz acompañado dos seus cabalos Galo e Grelo.

Enriba deles, nas costas dun e doutro por quendas, recorrerá os máis de mil quilómetros que separan a vila mariñeira de Tarifa, dándoos a coñecer por tódolos lugares polos que pase á vez que se irán gravando secuencias para lanzar un documental desta experiencia, no que se recollan diferentes testemuños.

Logo do tramo Baiona-Salamanca, queda por diante todo o percorrido ata a punta sur da Península Ibérica, que prevén realizalo en outono, cando o tempo arrefríe.

Martíns destacou a colaboración do Concello de Baiona nesta travesía, así como a aposta que dende a administración local se fixo pola iniciativa Safari Etolóxico de Garranos e o apoio por dar visibilidade a este tipo de cabalos autóctonos.

Adrián Martíns e o departamento de Turismo do Concello de Baiona veñen traballando estreitamente na posta en marcha destas iniciativas para dar a coñecer a riqueza da fauna e a flora dos montes de Baiona, así como a súa peculiar beleza.

A proposta enviada aos premios “Green Destination 2022 Global Top 100” foi elixida como unha das boas prácticas e exemplo a seguir nos avances do turismo sostible entre os destinos QualityCoast. O “Safari Etolóxico de Garranos” posto en marcha por Fincas Moreiras en colaboración co Cocello de Baiona recibiu o recoñecemento durante a feira do turismo ITB, que se celebrou en Berlín fai uns meses.