Arbo

Arbomostra volve abrir os días 26, 27 e 28 de abril

A cita agroindustrial e artesanal referente da comarca celébrase en paralelo á Festa da Lamprea

Asistentes á carpa de Arbomostra, na última edición da Festa da Lamprea, en Arbo.   | // D. P.

Asistentes á carpa de Arbomostra, na última edición da Festa da Lamprea, en Arbo. | // D. P. / d. p.

d. p.

A última fin de semana de abril, do venres 26 ao domingo 28, os hostaleiros, adegueiros e habitantes do Concello de Arbo celebran a súa festa por excelencia, que atrae a visitantes das dúas beiras do Miño e que está recoñecida xa como Festa de Interese Turístico Internacional. Trátase da Festa da Lamprea, que neste 2024 cumpre 64 anos. Nela os restaurantes da zona fan gala da súa boa man cociñándoa ao estilo arbense, no seu propio sangue, que é unha das receitas máis soadas e consumidas.

A feira agroindustrial e artesanal por excelencia da bisbarra do Condado e A Paradanta, Arbomostra será o escenario central da festa e abrirá as súas portas, o venres 26, coa inauguración prevista para ás 17.30 horas. Haberá postos de artesanía, produtos da comarca, degustación de lamprea nas súas distintas variedades, maridada cos viños das adegas de Arbo con D.O Rias Baixas, e ao mesmo tempo maiores e pequenos gozarán dunha ampla e variada programación cultural.

Neste 2024, Arbomostra chega a súa vixésimo oitava edición cunhas boas perspectivas de asistencia. O ano pasado, Arbomostra recibiu a visita de máis de 40.000 persoas, durante as tres xornadas de festa. “Personaxes do mundo do deporte, dos medios de comunicación, creadores de contidos e incluso políticos a nivel nacional, quixeron degustar a afamada lamprea e os recoñecidos viños das adegas de Arbo, que alí onde van son galardoados con premios de excelencia”, apuntan fontes municipais.

Actuacións musicais

Durante os tres días, ademais de degustar a lamprea e o viño das adegas de Arbo dentro de Arbomostra, o Concello de Arbo ten programado concertos e actuacións neste espazo para amenizar o evento. O venres 26 ás 20.00 horas tocará o grupo Prysma; o sábado 27 ás 13.30 horas subirase ao escenario A Banda do Sequío e á noitiña (20.00 horas) Mel de Meiga; xa o domingo, a sesión vermú (13.30 horas) correrá a cargo do grupo O Son das Tabernas e pola tarde (18.30 horas) actuará Tonichi y Pacheco.

Os horarios de apertura ao público da carpa co funcionamento dos diferentes postos son de 18.00 a 00.00 horas o venres 26 e dende ás 11 da maña e tamén ata a medianoite, de maneira ininterrompida, durante a fin de semana, o sábado 27 e domingo 28 de abril.