Caricaturas do Nigrán de antano

Arriba, acto inaugural da mostra “Caricaturas de antano”. Abaixo, algunha das obras expostas

Arriba, acto inaugural da mostra “Caricaturas de antano”. Abaixo, algunha das obras expostas / FDV

L. C.

Retratos e caricaturas, coa máxima dignidade e respecto, do mariñeiro Veremundo Álvarez Trabazos, do limpabotas ‘Chorita’, do acordeonista José Manuel Gallego, do novillero ‘El perlita’, de ilustres como Latino Salgueiro (quen foi alcalde de Gondomar), do futbolista ‘Nolete’ ou de persoeiros do mundo xudicial da comarca do Val Miñor decoran ao longo de todo este mes o pavillón municipal de Panxón.

Trátase da exposición ‘Caricaturas de Antano’ do artista autodidacta e home polifacético Emilio Alonso Freiría, oriundo de Panxón (20.04.1921) e falecido o 25 de abril de 2021. Trátase da vez primeira que ven a luz estes retratos orixinais de 21 personaxes ilustres e/ou populares da comarca dos anos 50 e xa falecidos, polo que o compoñente emocional desta mostra é indubidable e, por iso tamén, se fixo coincidir a inauguración co cabodano de Emilio a modo de homenaxe

Cartel de la exposición de "Caricaturas de Antano"

Cartel de la exposición de "Caricaturas de Antano"

A exposición, que tamén contén os seus debuxos orixinais de edificios como o Templo Votivo ou o Monumento á Mariña e algunha festa popular, estará aberta ata o 31 de maio, de 09.00 a 13.00 e de 16.00 a 20.00 horas de luns a venres, na entrada do pavillón municipal de Panxón, lugar elixido por ser el mesmo oriúndo desta parroquia á que sempre mostrou o seu gran afecto pese a pasar boa parte da súa vida na Guarda, onde precisamente faleceu.

Artista autodidacta e home polifacético, Freiría estivo sempre moi vinculado á vida socio-cultural deste municipio. Fundador do club Dunas, secretario da Confraría de Pescadores, axente xudicial no Xulgado da Ramallosa… destacou como caricaturista, xornalista, músico e gran ilustrador. En definitiva, “unha persoa inqueda á que lle gusta picar en todo”, tal e como el mesmo refería.

“É un luxo poder ofrecer esta exposición que nos retrotrae ao Nigrán dos anos 50, moitas persoas do municipio se emocionarán ao atopar aquí caricaturas dos seus familiares ou amigos xa falecidos"

Juan González

— Alcalde de Nigrán

"O legado que nos deixa é impresionante, así que esta é a nosa maneira de renderlle tributo e agradecemento”, subliñou o alcalde, Juan González, ante a súa filla Emilia, que acudiu ao acto de inauguración xunto a outros familiares e veciñanza de Panxón.

Emilio Alonso na oficina do Xulgado de Paz

Emilio Alonso na oficina do Xulgado de Paz / Arquivo familiar Emilio Alonso Freiría (Panxón). Finais dos anos 40-inicios dos anos 50.

“O meu pai estaría feliz de ver esta exposición, o certo é que foi un home moi especial. Faleceu o 20 de abril de 2021 e agora estou a gozar moitísimo redescubrindo todo o seu legado, era meticuloso e perfeccionista e gardaba absolutamente todo, así que considero que é marabilloso poder compartilo coa veciñanza de Nigrán e que o Concello o preserve, gardado na nosa casa non tiña ningún sentido, o meu pai estaría totalmente de acordo”, sinala Emilia Alonso.

Caricaturas do Nigrán de antano

Caricaturas do Nigrán de antano / l. c.

Dixitalización   

Así, o Concello recibiu o ano pasado de mans de Emilia a colección ao completo de 1934 a 1986 da revista ‘Miñor’ do Círculo Social de Baiona, Gondomar e Nigrán en Bos Aires, entidade que lle concedeu na década dos 60 a medalla de ouro e o título de ‘Correspondente Honorario’. Todos, perfectamente encadernados en catro tomos, e que están a ser dixitalizados para poder consultalos na Biblioteca Municipal de Nigrán, onde tamén se gardarán en depósito. Igualmente, o álbum familiar da súa vida en Panxón xunto a súa muller Luciana Román Iglesias foi dixitalizado e integra xa parte esencial do Arquivo Histórico Audiovisual online (www.arquivoaudiovisualnigran.org) ao conter imaxes da zona das dunas e portuaria. A maiores, a familia entregou documentos como a acta fundacional do Dunas Club de Fútbol, debuxos, plumillas…

21 retratos de persoas ilustres dos anos 50 expóñense este mes de maio na entrada do pavillón de Panxón

“O material que tan xenerosamente nos cederon é único e dun valor incalculable. Todo está a ser preservado e dixitalizado para enriquecer o noso Arquivo Histórico e para que estea a disposición da veciñanza. A colección da revista ‘Miñor’ está perfectamente conservada e reflicte a nosa historia emigrante e as caricaturas retratan personaxes populares que os maiores aínda recordan”, explica o alcalde, Juan González, quen agradece a xenerosidade da súa familia, veciña da Guarda, onde Freiría se asentou como oficial de xustiza desde 1957 participando activamente na vida sociocultural da vila, onde lle chegaron a homenaxear oficialmente nas Letras Galegas de 2021.