Na efeméride de San Urbano, o patrón da Policía Local | Precedentes históricos

Orixes da Policía Local en Galicia (I)

O autor, aproveitando a celebración do patrono dos axentes municipais, afonda na historia deste corpo

A uniformidade e armamento dos Gardas urbanos foi diferente ao dos gardas das vilas. Ata 1912 usaban bastón e incorporan o sabre curto, adoptando o “casco prusiano” na cabeza. No caso dos gardas santiagueses levaban unha especie de alabarda e noutras cidades incorporarían un revólver. A última imaxe xa é da época franquista coa porra e correaxe brancas

A uniformidade e armamento dos Gardas urbanos foi diferente ao dos gardas das vilas. Ata 1912 usaban bastón e incorporan o sabre curto, adoptando o “casco prusiano” na cabeza. No caso dos gardas santiagueses levaban unha especie de alabarda e noutras cidades incorporarían un revólver. A última imaxe xa é da época franquista coa porra e correaxe brancas / Arquivo do autor

Xerardo Dasairas*

Debido aos diferentes criterios existentes sobre as orixes da Policía Municipal en Galicia, consideramos oportuno facer este capítulo introdutorio, para aportar datos sobre a ins-tauración deste servizo público que co tempo derivaría en corpo policial. En principio, foron os grandes concellos os que puderon contar con gardas municipais, unificando outros servizos, para írense conformando logo nas vilas que contaban con máis posibilidades.

O carácter concellil da creación dos Gardas municipais supón unha dificultade para o seu seguimento histórico, salvo nos casos das cidades, pois os alicerces das policías locais das vilas son tan diversos e confusos como as leis que permitiron a sua constitución. Na sua orixe histórica temos que remitirnos aos alguacís, vixilantes nocturnos, gardas municipais... como antigos corpos que se constitúen nalgunhas cidades e vilas, mesmo antes que a Garda Civil, ainda que con mando civil e servizos restrinxidos á área municipal que se empezaron a conformar cara ao ano 1833 ao se constituiren os Concellos.

Ata a constitución destes entes municipais, a figura que se encargaba das aprehensións dos delincuentes era o alguacil, quen dependía directamente do xuíz da xurisdición e que nalgunhas poboacións do distrito xurisdicional estaba auxiliado polos chamados celadores. Pero xa como predecesores antigos do que logo serían as Policías Locais, os nacentes concellos van crear diferentes cargos municipais, que dun xeito ou doutro exercían labores de seguranza, sempre baixo a premisa indispensable de estaren baixo as ordes dos chamados rexidores, primeiro, e dos alcaldes despois.

Gardas municipais de Santiago e Pontevedra,cos seus uniformes e armamento na súa fundación, no século XIX.

Gardas municipais de Santiago e Pontevedra,cos seus uniformes e armamento na súa fundación, no século XIX. / Arquivo do autor

Neste ámbito municipal e a nivel estatal, menciónanse os chamados Andadores del Concejo, os Fieles de Fechos, os Porteros de Vara, os Pesquisidores ou os Alguacís, denominación máis común en Galicia. A parte destes axentes municipais, hai quen quere incluir as chamadas Milicias Urbanas, que se ben teñen carácter concellil como a da Coruña (1761), a súa misión non tiña nada que ver coa seguranza pública senón coa defensa militar. Neste sentido militarizado, tamén existiron as Milicias Nacionales, que rexurdirían como brazo armado da burguesía entre 1820 e 1854, durante as sucesivas conxunturas revolucionarias ou os Voluntarios de la Libertad en 1868.

A rexente María Cristina de Borbón oficializa a figura do sereno

Por un Real Decreto de 16 de setembro de 1834 a rexente Mª Cristina de Borbón (nai de Isabel II) vai oficializar a figura do Sereno en base ao establecemento do alumado público e o seu coidado nos pobos, “contribuindo á comodidade e seguranza dos seus habitantes, evitando a perpetración de delitos que así non chegarían a cometerse, se a soedade e as sombras da noite non asegurasen a impunidade dos seus autores”.

Este servizo é obrigatorio nas capitais de provincias, incentivándose no resto das poboacións, debendo permanecer o alumado seis horas durante os meses de outubro a marzo e de catro horas o resto do ano, financiado cun imposto veciñal. Cangas non tiña nin alumado nin serenos, mais no mes de agosto de 1840, como noutras partes, tamén se vai crear na vila unha Milicia Nacional para apoiar a “revolución” de Espartero.

Compañía de homes armados en Cangas

Nesta operación, o alcalde de Cangas, Manuel Ventura Sequeiros, vai sufragar unha pequena compañía de homes armados que estivo en servizo varios meses, financiada polo Concello. A composición destas milicias en diversas poboacións, integradas por elementos populares, xerou a desconfianza dos políticos conservadores polo que procederon a disolvelas e crear a Garda Civil en 1844 como forza máis fiable e “neutral politicamente”.

Pode parecer, e así o consideran algúns historiadores, que estas milicias tamén son un precedente das gardas municipais, pois a súa constitución partía da iniciativa do alcalde, tiñan ámbito municipal e estaban sufragadas polo Concello, aínda que a súa misión e obxectivos finais eran diferentes.

Hai que constatar que moitos dos procesos fundacionais dos numerosos corpos de vixilancia e seguranza locais, nacidos nestas datas decimonónicas, non contan con moitas referencias, o que dificulta fixar a súa nacenza e o seu seguimento ao longo da historia. Tamén os motivos da súa creación son variopintos e pomos como exemplo a Garda Municipal de Sevilla que nace en 1843, pola impasibilidade e, xa que logo, imposibilidade dos serenos para controlar os numerosos roubos nos establecementos da cidade. Mais, para ampliar o seu contexto histórico en Galicia, imos incluir algunhas referencias ao nacemento dalgúns destes corpos locais que teñen como especifidade a súa exclusiva dependencia dos alcaldes, a concreción das súas funcións (difusas) e o seu ámbito de actuación, restrinxido ao territorio municipal.

A portada do regulamento para o servicio de porteiro e axentes da Policía Municipal da Coruña, no ano 1845.

A portada do regulamento para o servicio de porteiro e axentes da Policía Municipal da Coruña, no ano 1845. / Arquivo do autor

A primeira alusión a Gardas Municipais en Galicia reférese á existencia deste corpo na cidade da Coruña en 1845 e tres anos despois (1848) fúndase este corpo en Santiago de Compostela, que incluso contaba cunha sección a cabalo, anos antes de que a raiña Isabel II asinase en 1850 o Real Decreto polo que se permitía, xa oficialmente, a creación destes corpos municipais nos concellos.

Precisamente, unha das primeiras actuacións das que temos noticia, fai referencia á detención dun delincuente e prófugo do exército por parte do capataz (xefe) e dous gardas municipais de Santiago, cidade que ademais contaba con alcaldes e celadores de barrio, serenos e garda específica da Alameda do Concello.

Outras actuacións que xustifican o labor dos gardas municipais reférense á extinción de incendios, detención de bébedos incordiantes, alborotadores nocturnos e oficiantes de serenatas intempestivas, pobres de pedir, sirleiros e mangantes nas feiras, control de pesos e medidas, fielatos, cobros de impostos, “espurgos” nocturnos detendo ás meretrices... e moitos conflitos xudiciais que lles acaían por denuncias dalgúns probos veciños afectados polas súas intervencións.

Patrullando a cabalo

Outra curiosidade sobre os gardas municipais é que nalgunhas vilas galegas, por razóns obvias, os axentes utilizaban cabalos para se desprazaren polas parroquias, resultando moi chamativa esta imaxe cando se trataba de recibir a algunha autoridade importante como aconteceu en 1852 cando as autoridades da provincia, as de Santiago e o novo arcebispo, son escoltados por carabineiros a pé e gardas municipais montados a cabalo.

Desde estas datas, a implantación deste corpo vai ser continua e así, en marzo de 1852 tamén se vai instaurar en Pontevedra con cinco axentes mandados por un capataz, todos procedentes do corpo de serenos. Mais, non só se constitúe nas cidades, senón que por distintas razóns e posibilidades económicas, tamén se vai crear en poboacións máis pequenas, salientando o caso do Concello de Ribadavia, que o 28 de decembro de 1856 vai promover tres prazas de axentes para atallar os numerosos roubos que se cometían na área municipal, debido á fame e miseria imperante pola praga de oidium que arrasou os viñedos e deixou a moitos veciños na indixencia.

Estes axentes debían exercer ademais como serenos e ter conta de que todo o alumado público estivese en perfecto estado. En 1862 empezaría a operar en Lugo con quince gardas, un cabo e un xefe, formando a plantilla case un cincuenta por cento de alguacís e serenos. Foron dotados de uniformes moi semellantes aos de Santiago, suministrados e armados polo Concello co consabido sabre curto ancho, chamado chafarote, pero tamén con escopetas, lanzas, lanternas e subiotes.

En 1863 xa se establece en Redondela cun só axente contando no apoio nocturno con dous serenos e en 1872 nacería a de Vigo, creándose outras policías locais nas vilas desde 1888 como a de Carril e en anos sucesivos as de Sarria, Ribadeo, Viveiro, Ortigueira... que nestes tres últimos casos indican na sua orixe un certo mimetismo de proximidade.

Un alcalde de barrio na Coruña, no ano 1839.

Un alcalde de barrio, no ano 1839. / Arquivo do autor

Precedentes da Policía Local: Alcaldes de barrio e celadores

Os alcaldes de barrio créanse coa promulgación dunha Real Orde de 1768, asinada polo rei Carlos III, na que se faculta aos alcaldes para ditar ordes en canto á protección e seguranza públicas. Esta orde iríase ratificando e modificando en 1783, 1792 e 1795 aínda que non todos os concellos contaban coa posibilidade de establecer un corpo específico para estes mesteres, sendo que algúns xa contasen, como axentes executivos xudiciais, coa figura do alguacil ou o “xustiza” local. Con todo, coidamos que os precedentes da policía municipal lle acaen mellor aos alcaldes de barrio, que se crean sobre todo nas cidades, debido ao seu crecemento urbán.

Unha das primeiras urbes galegas (20.000 h.) que implantou os alcaldes de barrio foi A Coruña un ano despois (agosto de 1769), perfeccionando as súas misións e dotándoos dun regulamento en xaneiro do ano 1839 no que se indica que contan co auxilio dos celadores de rúa polo día e dos chamados serenos pola noite, cuxo regulamento se redactaría en setembro deste mesmo ano. Estas dúas figuras da orde aparecen como o xérmolo do que logo serían os gardas municipais, denominación que vai perdurar durante anos, aínda que administrativamente van ser denominados como Policía de Seguridad para diferencialos do que se viña chamando policía urbanística, a cargo dun concelleiro, referíndose aínda a palabra policía (gr. politeia) ao decoro, a limpeza e bos costumes dentro das poboacións.

Instruccións de 1839 para os alcaldes de barrio e celadores.

Instruccións de 1839 para os alcaldes de barrio e celadores. / Arquivo do autor

Xa que logo, os alcaldes de barrio van asumir, en inicio, unhas funcións que os equiparan ao que logo sería a policía local pois encargábanse de manter a orde exterior e interior (nas casas) e podían prender e meter no cárcere aos delincuentes collidos “in fraganti”, levantando dilixencias coa presenza dun escribán ou presentando un informe xurado ante o alcalde. Tamén podían multar aos contraventores dos bandos e ordenanzas municipais, pero unha misión primordial era evitar os pleitos veciñais, protexer contra os abusos e prever os desordes como facer disparos e botar foguetes a deshora, berrar ou asubiar nas rúas, promover escándalos ou proferir expresións torpes...

Ante os casos de incendio, roubos e desgrazas persoais debían acudir dilixentemente, tomando as medidas pertinentes ao caso e nas súas rondas debían prestar atención ás casas de xogo, pousadas, cafés e tabernas, procurando que estes establecementos non tivesen dúas portas nin cubrisen as ventás con cortinados, coidando que pechasen á hora establecida. Tamén era a sua misión a de controlar aos vagos, ociosos e mal entretidos, atender aos pobres e nenos perdidos e impedir que nos recantos e prazas se xuntasen folgazáns e parados ou que se practicasen xogos. Debían prestar atención especial ás casas de lenocinio e evitar que se exercese a prostitución vagando de noite polas rúas, así como a presenza nelas de lacerados e pobres de pedir con grave dano para a saúde pública e os bos costumes.

O control de novos veciños, de transeúntes, de viaxantes comerciais, do estado dos edificios ruinosos, da limpeza de fontes, do depósito e recollida do lixo... tamén eran merecentes da súa atención e control entre outras moitas funcións. Ao se regulamentar o corpo de “serenos”, estes irían asumindo a vixilancia nocturna que antes lles correspondía aos alcaldes de barrio e aos celadores.

O uniforme e armamento dun sereno na cidade de Santiago.

O uniforme e armamento dun sereno na cidade de Santiago. / Arquivo do autor

Os serenos

Considerados como axentes da vixilancia nocturna e de asuntos chamados de policía (salubridade, hixiene ... ) xa hai referentes nalgunhas cidades desde o ano 1715, mais non sería ata 1834 en que unha Real Orde regulase as súas funcións:

“Son los Serenos durante la noche, centinelas de la seguridad que necesitan los vecinos para su repaso; y el alumbrado ausilia el desempeño de sus funciones alejando y conteniendo al malvado que apetece la oscuridad para perpetrar sus crímenes. El pueblo que consiguió plantear tan útiles instituciones, debe mantenerlas a toda costa, y la Autoridad política del mismo, ordenar lo conveniente para sacar de ellas todas las ventajas de que son susceptibles. En dos partes se divide el mecanismo de su conservación, una administrativa, á cargo de los ayuntamientos y otra gubernativa á cargo de los alcaldes.

Art. 2°. Será de su deber, además de desempeñar las obligaciones que van marcadas en este Reglamento, ausiliar los trabajos municipales cuando sea preciso. á juicio del Ayuntamiento. Reconocerán por Gefe inmediato al Capataz, á quien obedecerán en lo que les mande por escrito ó de palabra.

Art. 3°. Conservarán las prendas, armas y mas enseres que les diere el Ayuntamiento ó el Presidente del mismo, en el mejor aseo, respondiendo de ellas cuando se les pida.

Art. 4°. El Sereno además del chuzo de que se sirve, podrá usar de armas de fuego, pero con espresa licencia del Presidente del Ayuntamiento, que concederá si lo tuviese por conveniente á propuesta del Capataz. Llevará tambien el pito pendiente de un cardan al pecho y el farol encendido siempre, tomando para ello el aceite que esté contratado por el Ayuntamiento.

Art 5°. Rondarán de noche el barrio que á cada uno le destinen, recorriéndolo por el tránsito que se señala en el siguiente articulo, desde la hora que se diere principio hasta la en que concluya.

Art. 10º. Los Serenos son nombrados y despedidos por el Ayuntamiento. Para obtener este nombramiento deben poseer cualidades no comunes: robustez, valor, conducta ejemplar, y adhesión al Gobierno actual; buen comportamiento con los vecinos en la ejecución de las órdenes; esactitud en el cumplimiento de éstas, y en todas las funciones de su instituto.”

O uniforme e armamento dun sereno na cidade da Coruña.

O uniforme e armamento dun sereno na cidade da Coruña. / Arquivo do autor

A primeira cidade en Galicia en dotalos dun Regulamento foi A Coruña en 1839 e ao crearse en 1845 a Garda Municipal van repartirse as funcións: Estes de día e aqueloutros de noite. Aínda que operantes desde anos antes, en marzo de 1844 o corpo de Serenos de Santiago tamén vai contar co seu Regulamento e en agosto do mesmo ano o correspondente de Pontevedra, recollendo ambas normas a admisión exclusiva de homes robustos, de bos costumes e adhitos ao goberno.

Na súa misión de rondar de noite os distritos ou barrios correspondentes, dependían dun xefe ou capataz e portaban un chuzo, sabre ou chafarote, un subioto pendurado do pescozo, e farol de aceite. Nalgúns momentos de axitación social ou incremento da delincuencia podían portar armas de fogo lixeiras, sendo que os serenos de Santiago chegaron a sustituir o chuzo por unha carabina con baioneta. Asemade, deberían cantar as horas e as condicións meteorolóxicas: sereno, nubrado, chuvioso, vento, treboada ou neve e axudarán a deter delincuentes do alleo. Coidarán o alumado público e das fontes, axudarán aos veciños na procura de médico, mediciñas e parteiras, avisarán dos incendios e rematarán os seus anuncios cun “Ave María”, frase suprimida nos periodos dos gobernos progresistas.

*Mestre e investigador

Suscríbete para seguir leyendo