Viñetas de Casa Queimada

A memoria gráfica dos irmáns Trigo

Viñeta da BD Casa Queimada (2023)

Viñeta da BD Casa Queimada (2023) / Irmáns Trillo

Raquel López

O pasado 28 de xuño presentouse na Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo (EMAO) a novela gráfica Casa Queimada, dos irmáns Xosé e Ramón Trigo. Esta BD supón o broche a un proxecto cultural que os Trigo iniciaron hai anos, cando comezaron a reconstrución dunha casa que foi arrasada polo lume. Foi en 2017, aquel outubro negro no que os incendios asolaron centos de hectáreas de monte. O 15 dese mesmo mes e ano tamén ardía a casa de Xosé Manuel Trigo (Vigo, 1954), situada nos montes de Oia de A Guarda. Construída na década dos 80 con ladrillos refractarios da fábrica de As Cachadas, sobrevivira antes a varios outros incendios, pero non o logrou nesta ocasión. Aínda que a súa estrutura se mantivo, todo o interior sucumbiu.

A pesar de que o acontecido foi devastador, Xosé, escritor e guionista, axuntou disciplinas artísticas co seu irmán Ramón Trigo (Vigo, 1965), pintor, debuxante e escultor, e xuntos decidiron que querían transformar este desastre en algo fermoso e creativo. Contando coa axuda de familiares e achegados, e baixo o colectivo A Madriña, reconstruíron a pequena casa familiar e convertérona nun espazo multidisciplinar para a creación, un lugar situado nunha posición privilexiada, en plena natureza e con vistas ao océano, no que houbera cabida para todo tipo de iniciativas culturais, desde exposicións a estancias artísticas pasando por recitais ou talleres.

A BD supón o broche do longo proxecto iniciado hai anos polos Trillo

Para alcanzaren este ambicioso obxectivo, axeitaron un crowdfunding na plataforma Verkami, que logrou o financiamento rapidamente a finais de outubro do 2022 con máis de cen mecenas. Entre as xenerosas recompensas para as persoas patrocinadoras, atopábanse pezas artísticas relacionadas co proxecto a un prezo fóra de mercado, como as esculturas da casa, realizadas con madeiras procedentes de restos de embarcacións queimadas ou serigrafías limitadas, numeradas e asinadas. Sen dúbida, unha das recompensas máis especiais era a participación nun taller de arte e restauración de tres días, impartido polo propio Ramón Trigo, que permitía a opción de realizalo con estancia na casa.

A outra gran recompensa foi o cómic Casa Queimada, unha memoria gráfica composta por catro capítulos desenrolados ao longo de 72 páxinas na que a lectora ou lector pode acompañar os irmáns Trigo no proceso de reconstrución e renacemento da casa a través das ilustracións de Ramón e os textos de Xosé, coa inclusión do nome dos mecenas nas páxinas de crédito. A novela gráfica finalizouse en maio, mesmo mes no que A casa do Patín, en Bouzas, acolleu unha exposición retrospectiva das obras gráficas destes irmáns vigueses.

Viñetas de Casa Queimada

Vileta da BD Casa Queimada (2023) dos irmáns Trillo / Raquel López

Casa Queimada supón a quinta colaboración BD co-creada polos Trigo, tras O burato do inferno (Faktoría K, Kalandraka, 2010), cómic que nos leva a A Guarda do século XIX, a tenebrosos ambientes nos que os raqueiros, piratas de terra, aproveitaban as noites sen lúa para asaltar; Lobada (Deputación da Coruña, 2015), novela finalista do Premio Castelao en 2014, onde exploran o contrabando de wolframio no Vigo de 1943, co transfondo dunha España sumida na posguerra e unha Europa arrasada pola II Guerra Mundial, historia que será o xerme da futura novela autoeditada Kartoffel (Liberaco, 2020), onde desenvolven máis a miúdo episodios de espionaxe e connivencia do réxime franquista cos nazis; e Ricardo Mella. El hombre nuevo (Liberaco, 2018), dedicado a este intelectual, escritor e activista libertario que viviu en Vigo entre 1861 e 1925, e cuxo enterro foi supoñer un verdadeiro duelo popular que se traduciu en actos multitudinarios na súa honra que duraron durante días.

Luís Davila, Premio Trasalba 2023

O domingo 25 de xuño. a Fundación Otero Pedrayo outorgaba o Premio Trasalba 2023, galardón en recoñecemento á traxectoria de Luís Davila (Pontevedra, 1972) pintor e humorista gráfico, pola súa grande implicación na defensa do galego e por converterse nun referente na difusión da cultura de noso a través das súas viñetas.

Davila iniciou a súa carreira profesional en FARO DE VIGO no ano1998, hai xa un cuarto de século. Comezou realizando ilustracións e deseños para infografías e portadas ata que naceu “O Bichero”, unha viñeta diaria que sintetizacon humor a idiosincrasia e forma de entender o país. Estas viñetas tamén se poden atopar en doce volumes recompilatorios editados polo propio autor entre 2014 e 2022.

Esta é a primeira vez que o premio é entregado a un humorista gráfico nos 41 anos da súa historia. Porén, non resulta ser o primeiro recoñecemento que recibe o historietista polo seu labor na difusión cultural e lingüística. En 2014 recibiara xa o premio San Martiño de normalización lingüística, organizado pola Asociación Cultural O Brado de A Estrada e, en 2016, o Premio Xoán Manuel Pintos ao compromiso coa lingua, convocado pola Rede Amiga da Lingua (REAL) e mais o Concello de Pontevedra.

Suscríbete para seguir leyendo