Entrevista | Margarita Ledo Andión Xornalista, escritora e cineasta

“A obra de Luísa Villalta vén ser a dunha clásica que nos está a explicar a nós mesmas”

Coa elección de Luísa Villalta como a autora homenaxeada nas Letras Galegas do 2024, semella que a RAG foi acertar de cheo. Sen dúbida, unha das persoas que máis se aledou foi Margarita Ledo Andión, unha das principais valedoras da súa candidatura.

Margarita Ledo Andión, en Santiago.

Margarita Ledo Andión, en Santiago. / XOÁN ÁLVAREZ

–Sentiríase Vde. decepcionada se se deixasen pasar outros anos máis antes de que lle dedicasen a Luísa o Día das Letras Galegas?

–Decepción non sería a palabra axeitada, de darse ese ese caso, porque sempre hai propostas diferentes e cada unha ten as súas razóns. A candidatura de Luísa Villalta xa a presentramos para o 2023, e recuncamos neste ano porque se cumprían vinte do seu falecemento. É, como todo: ás veces temos que ir labrando á terra para que dea o seu froito.

–Entre otras cousas, porque Luísa era unha autora bastante descoñecida…

–Claro, sobre todo por un amplo sector da cultura, e incluso dentro da propia RAG. Luísa foi unha persoa que tomara unha posición moi clara, unha posición de compromiso co que estaba a pasar no seu tempo, e isto ás veces leva a que determinados núcleos se desentendan. Pero resulta que ela era unha fonte de enerxía, de rigor, de coñecemento, de curiosidade, de non dar nada por sentado…por iso a súa obra está en constante metamorfose, tanto como creadora, como pensadora e, tamén, como cidadá de Galicia, e isto último é moi importante, fundamental. A de Luísa é unha figura da cultura contemporánea de noso que era preciso dar a coñecer, diso non hai dúbida, e a Academia entendeu esa necesidade.

–Unha das razóns polas que se dixo que esta elección foi oportuna, é porque a figura poética de Luísa actúa de nexo entre xeracións de poetas mulleres, ata o punto de que as máis novas poetas galegas recoñecen o seu influxo na forma de entenderen a poesía, e moitas delas considérana unha referencia. Foi Luísa Villalta unha poesía adiantada aos seus tempos?

–Si, si. De Luísa ata se pode dicir que é unha autora clásica no senso de que nos está a explicar a nós propias. Non é estraño que as poetas máis novas recollan a súa semente nas súas obras. A literatura de Luísa, ademais, ten unha caracterísica salientable, que é a de estar vinculada con outras literaturas; era unha persoa, neste sentido, completamente porosa ao mundo, e amosaba un internacionalismo que era a consecuencia de ser nacionalista e feminista. Daquela, claro que se converte nun referente, e para que iso se consolidade, temos a obriga que dar acceso á súa obra.

–Tamén foi unha adiantada na narrativa, nos ensaios e nos seus textos de teatro? Ou quizais con Luísa ocurra que a súa obra poética escureceu a que fixo noutros xéneros literarios?

–Resulta evidente. É certo que os premios máis notorios que obtivo foron no ámbito da poesía pero, por exemplo, ela o primeiro que escribiu foi teatro, e a súa dramaturxia abofé que está feita para ser, ademais de lida, representada. E tamén hai que destacala no xénero ensaístico…De maneira que, efetivamente, hai otro tipo de rexistros na súa obra, de xéneros literarios, que son máis descoñecidos e están escurecidos pola súa obra poética.

-–Xa que Vde. tamén é xornalista, que me pode contar da obra xornalística dea propia Luísa Villalta?

–Ela escribía sempre dende unha posición crítica, e sempre contextualizando. Para ela, os artigos, as columnas, significaban formar e tomar parte na sociedade.

–Cales foron os seus principais temas?

–O da emigración aparece nos seus artigos constantemente, e precisamente porque o consideraba unha inxustiza; outro gran tema que tocou foi o das agresións ambientais, e fíxate na importancia que teñen a día de hoxe! Tamén escribiu sobre o capitalismo neoliberal (relacionándoo nomeadamente coas agresións ambientais)…. Por outra banda, hai unha característica importante nos seus artigos, que é ese alegato final que ela sempre facía a prol da liberdade, da bondade…Diante dos problemas que semellan non ter saída, Luísa sempre abría unha porta, daba esperanza…Para min, Luísa representaba “a desesperanza esperanzada”. Luísa nunca se daba por vencida; cando a les, semella que escoitas un “Ponte a andar!”. E iso, por certo, vénlle moi ben aos mozos e mozas de agora mesmo, que ás veces caen no derrotismo excesivo, porque ela sempre chama á acción social, á acción política, até a acción amorosa…

–Unha das facetas que destaca na vida de Luísa foi o seu activismo cultural, social e até político. Cre que, nese sentido, rachou con esa imaxe tópica de “poeta en soidade” facendo emerxer a de “poeta en sociedade”?

–Obviamente, ela foi unha poeta “cara á fora”, pero era consciente de que a escrita precisa tamén do mundo interior, íntimo, e isto non é contraditorio, senón que é parte dun mesmo todo. Nela a soidade non é esa torre de marfil. Polo contrario, é a propia relación coa rúa a que lle dá necesidade de concentrarse en soidade, e i iso coido que é unha das claves da súa impresionante produción literaria.

–O xeito de entender o feminismo que tiña Luísa encaixaría perfectamente co feminismo de hoxe en día, ou tería as súas diferenzas?

–O feminismo é unha das cuestións na que se deron máis pasos cara á visibilidade nos últimos tempos. A ela o que lle tocou foi unha época de loita por facelo visible. Pero, en poemas escritos xa a inicios dos 90, Luísa xa vai manifestando dun modo completamente claro a necesidade da muller do que hoxe se chama empoderamento pero que ela identicaba como “facerse consigo mesma”, de que a muller é a medida, fronte á concepcion do home que a ten como subalterna, “protexida” e convertida nunha peza dun sistema que a mantén á marxe. Polo tanto, habería que preguntarse que faría hoxe no feminismo Luísa Villalta, se xa dicía o que dicía hai trinta anos.

–Cando lle concederon o premio Porteiro Garea da RAG, Vde. iniciou a súa intervención con palabras de Luísa Villalta. Non conseguín averiguar cales foron. Pregúntolle: agora por elas e por que as escolleu.

–Pois vou ter que falarche de memoria, porque non teño aquí o texto. Pero coido lembrar que se trata dunha cita de “A lingua, unha nova elección”, que remata cunha frase fermosa que di: “A língua éncheme de min”. O texto forma parte dun libro titulado O músculo da boca, elaborado nunhas xornadas celebradas en Santiago, dedicadas a todas as línguas derivadas do latín.

Suscríbete para seguir leyendo