Imaxinario colectivo

Luísa Villalta e a identidade de noso

Imaxinario colectivo

Imaxinario colectivo / FV

María Navarro

No ano de Luísa Villalta temos a oportunidade de voltar sobre as súas creacións porque hai editoriais que envían de novo ao prelo textos da homenaxeada. Así o fixo Cuarto de inverno S. Coop. Galega con As chaves do tempo, unha novela que sitúa a acción nun tempo pasado imaxinario no que se desenvolven uns feitos que teñen como escenario Galicia e cuxos personaxes rivalidan polo trono do rei Arturo, monarca que, axudado polo sabio Merlín, decide fiar o futuro do reino ao destino no que un dos seus fillos, Afonso ou Pedro, terá un papel protagonista. Mais a historia, a miúdo, caprichosa porá a proba non só os gobernantes, senón tamén os súbditos que actuarán buscando o camiño ou a solución máis favorable para acadar beneficio persoal. O final, aberto, engade un atractivo á historia e empraza o lectorado a “abrir ao futuro o reino que un día perdemos”.

O relato que referencia a nosa historia na Idade Media toma personaxes ficticios que forman parte do imaxinario colectivo co que a autora pretende concenciar o lectorado da importancia do noso pasado para abrazar o presente e construír o futuro, toda vez que unha das súas teimas era aprenderlles ás xeracións mozas a riqueza social e cultural do aís e con textos coma estes de doada representación escénica axudaría a dita transmisión.

O tempo que é quizais un dos recursos máis valiosos que temos -ou non- convértese nun indicador capaz de ordenar acontecementos e establecer nocións de cognoscibilidade interesantes que dimensionan o decorrer dos feitos e apunta as chaves do noso ser como pobo, por iso Villalta xoga metaforicamente co termo e augura tempos mellores se temos en conta e preservamos a nosa identidade.

Pola súa parte, Zaira Barcia achega ao texto acaídas ilustracións con suxerentes esceas da época relatada

AS CHAVES DO TEMPO (2024): Luísa Villalta, Vigo, Cuarto de inverno, PVP. 16,50€

Suscríbete para seguir leyendo