Unha curiosa e sagaz dramaturga

Escena Villalta

O paseo das esfinxes (Teatro Proscrito, 2018). |  FOTOS: ARQUIVO

O paseo das esfinxes (Teatro Proscrito, 2018). | FOTOS: ARQUIVO / FV

Inma López Silva

Desde que o feminismo puxo o foco no desequilibrio de xénero nos fastos do Día das Letras Galegas (só seis mulleres desde 1963), semella que se asentou entre os académicos a sensación de deber cumprido ao homenaxear unha escritora cada dous anos. E se pensamos que o teatro é tamén un gran esquecido no Día das Letras, escintila coma un faro na tormenta a heterodoxia de Luísa Villalta, a autora que, malia o seu indiscutíbel talento poético, debutou con obras de teatro.

A Villalta dramaturga, de feito, non era unha descoñecida para a crítica teatral. Figura en todas as achegas historiográficas ao teatro galego do último terzo do século XX, mais sempre desde unha sorte de estrañeza, salientando a súa posición periférica ou incómoda, quizais polo feito de ser muller, por escribir desde uns parámetros pouco próximos á práctica escénica, ou por estar desconectada dos procesos determinaban os vieiros que había tomar o teatro galego nos últimos oitenta e primeiros noventa do século pasado.

Pero o certo é que o teatro foi un xénero verdadeiramente importante na produción de Luísa Villalta, con cinco obras publicadas e mais unha que permanece inédita, amosándonos un xénero ao que volveu constantemente. Quizais asumiu a escrita dramática coma un espazo laboratorio e non como obxectivo en si mesmo, unha opción onde experimentar con temas, personaxes, argumentos e técnicas onde podía brillar un posíbel teatro para ler que lle permitise concretar aquelas cuestións que a poesía a levaba a abordar filosoficamente. Non esquezamos, ademais, que Luísa Villalta é a autora do ensaio máis sagaz arredor d’O incerto señor don Hamlet, de Álvaro Cunqueiro (O Don Hamlet de Cunqueiro: unha ecuación teatral, publicado por Laiovento en 1992).

Unha curiosa e sagaz
dramaturga

Representación do Don Hamlet, de Álvaro Cunqueiro. / FV

A súa andaina literaria iníciase, precisamente, en 1989, cando publica a peza breve Concerto para un home só nos Cadernos da Escola Dramática Galega, a iniciativa editorial do activo grupo coruñés de Francisco Pillado e Manuel Lourenzo co que Villalta mantivo amizade constante ata a súa morte repentina en 2004. No 1990, no mesmo lugar, publicaría un monólogo titulado O representante, ao que seguirían, no ano seguinte, O paseo das esfinxes, a única das súas obras que foi estreada, aínda en 2018 e coa compañía Teatro Proscrito, da man do tamén triste e prematuramente desaparecido Lino Braxe. A que seguramente é a súa mellor obra, As certezas de Ofelia, foi publicada na revista Casahamlet en 1999, e Os doces anos da guerra apareceu no número 29 da Revista Galega de Teatro, en 2001. Como indicaba, existe, ademais, unha peza inédita, unha obra de longo alento, titulada Os pasos probabelmente datábel nun momento relativamente temperán da súa dramaturxia. E por último, é un dato fermosamente significativo que a súa achega á tradución sexa, xustamente, vencellada ao xénero dramático, non só pola implicación, canda a Francisco Pillado, na versión ao galego do texto de Machiavello A Mandrágora, senón porque é Luísa Villalta quen asina a tradución do interesante ensaio de Pier Paolo Passolini Manifesto por un novo teatro.

O seu achegamento ao teatro é, por tanto, unha consecuencia dun movemento de refundación teatral que arrinca pouco antes do seu primeiro texto, e que sabe atraela como autora capaz de renovar un teatro que xa procuraba afastarse das circunstancias sociopolíticas que caracterizaran a escritura entre trinta e corenta anos anterior.

O certo é que foi unha autora incómoda para aqueles críticos para quen as dramaturgas eran un gueto, un grupo á parte que escapaba do teatro normal, escrito por homes. Os dela son dramas de tipos solitarios e descolocados, mozas reviradas (a Lisis de O paseo das esfinxes), mitos descontrolados (esa Ofelia con máis certezas que Hamlet); un teatro antimilitarista que non evita a súa propia revisión histórica de épocas non tan distantes.

Pasadas as incursións iniciais no xénero, Luísa Villalta escribiu un teatro que parecía dialogar coa xeración seguinte e non coa súa. Quizais por iso lle faltou o beneficio da fortuna escénica. Se cadra os fastos serven para que o actual teatro galego se lembre dela, a explore, dialogue coa súa particular poética e, en fin, a coloque nos escenarios.

Quizais un teatro feminista

Canda Imma António ou Dorotea Bárcena, Luísa Villalta é unha das feministas augafestas do teatro de noso, a contradiciren os discursos dominantes, colocando a ollada lonxe dos grandes temas: a identidade, a propia construción teatral, o humor.

O teatro de Villalta, de estética simbolista, avanza cara á superación do poético e simbólico das primeiras obras onde a reflexión é de orde estético-persoal: a falta de inspiración, o ego do artista... para ir adquirindo tinturas máis políticas a partir de O paseo das esfinxes, onde o personaxe de Lisis introduce o protagonismo feminino e reflexións de orde feminista nas que afondará en As certezas de Ofelia, Os doces anos da guerra e Os pasos, ese inédito protagonizado por soldados (que segundo unha aclaración inicial poderían ser interpretados por mulleres) onde hai unha interesante reflexión desenvolvida ao longo de toda a peza sobre as precondicións marcadas polo xénero nas escollas persoais e, por conseguinte, na liberdade individual. O de Villalta é un teatro onde o feminismo está presente a través do punto de vista, unha perspectiva que hoxe poderiamos chamar de xénero, e que se materializa no protagonismo feminino e nas cousas que acontecen a esas protagonistas, amosándose continuadora da liña aberta, vinte anos antes, pola Xohana Torres dramaturga.

Suscríbete para seguir leyendo