Letras Galegas 2024
Luísa Villalta, un estado de conciencia
A auga, o sal, a terra, a vida

Luísa Villalta. / Hugo Barreiro (IA)
Armando Requeixo
Unha das cousas que máis admira cando un le a Luísa Villalta é a súa fonda capacidade autoindagatoria, a súa consciencia plena do artefacto literario. A escritora coruñesa non só foi unha gran voz nos distintos xéneros que cultivou, senón que acompañou a súa praxe creativa de constantes e profundas reflexións a propósito das orixes, sentido e finalidade da arte da escrita.
Cómpre, pois, aprender o sentido da súa biopoética, comprender por que o legado de Luísa Villalta é un dos herdos culturais máis sobranceiros do noso tempo e como o seu exemplo e a súa escrita poden, e deben, irradiar as presentes e vindeiras xeracións.
Un texto esencial para aprehender a súa ontoloxía literaria é o microensaio “Sobre un certo estado de conciencia” (El Correo Gallego, 3 de agosto de 2000). Deitou nel verbas que gravan a lume as coordenadas nas que se moveu toda a súa creación: “Comprender é un estado de conciencia orixinado por un desarranxo na concepción previa do mundo e produce, como consecuencia, a irrupción dunha expresión. En min este estado de conciencia fai ferver, por veces durante moito tempo, un magma informe que busca unha forma e, cando por fin a adopta, resulta unha forma que se podería ouvir: unha melodía, melodías contrapunteadas, harmonías e disonancias (...). Destas melodías constrúo a miña “palabra melódica” que, penso, é toda poesía e, polo tanto, tamén a que eu fago (...) Por suposto, nalgures permanecen os temas (...) Os temas son moi poucos. A vida e a morte. Talvez só a vida (ou só a morte) (...) Os temas non son meus, son o mundo mesmo. E, á vez, o mundo mesmo son eu. O tema é o que me fai a min comunidade: unha preocupación polo devir da humanidade, unha maneira galega de ser humana, unha preocupación polo devir de ser galega”.
Nunha liña converxente, en 1994 confesaba que, se lle preguntasen cales eran os temas sobre os que lle gustaba ler ou escribir, diría que eran o coñecemento da verdade, do auténtico ser das cousas (a auga, o sal, a terra, a vida). E tamén o coñecemento dela mesma afiando os coitelos da penetración no ser das cousas (a dor amarga, o sal das bágoas). Ítem máis, os cambios que violentan esa comprensión, os cambios que volven as cousas o que non eran, o que xa nunca serán (o acedo). Doutra parte, os seus propios cambios como cousa entre as cousas, ou sexa, a resistencia. E, por último, a prolongación dese coñecemento, o amor, a comunicación. Dese xeito, coidaba Luísa, todo canxaba novamente na fórmula máxica pompeiana que poetizou en Rota ao interior do ollo: o que molla e descende (o sal de “Rotas”), o que arde e ascende (o amargo de “Opera”), o que cambia e apodrenta (o acedo de “Tenet”), o que se curva e endereita (o agre de “Arepo”) e o que se sementa e colleita (o doce de “Sator”).
Destarte, coido que é posible concluír que a escrita de Luísa Villalta ancora en cinco liñas de forza principais ou epifonemas:
- 1) A Música: arxila principal en poemarios como Música reservada e mais Ruído e, claro está, en O outro lado da música, a poesía).
- 2) A Coruña e a Nación: en toda a súa obra hai unha innegable radicación galega e, particularmente, coruñesa, ben notoria nos libros En concreto e Papagaio, vinculación ao territorio que vai unida a unha afirmación identitaria que nalgún caso teluriza parabolicamente, como en As chaves do tempo).
- 3) A vindicación xenérica: que afirma a condición de muller e loita por dinamitar toda discriminación, silenciamento e infravaloración por parte do patriarcado, patente en versos como os de “Ritos de resistencia” ou Papagaio e en non poucos artigos.
- 4) A Metapoética: en todo momento, en infinidade de versos, Villalta interrógase sobre o oficio literario, o sentido da escrita, o valor e función da mesma.
- 5) A capacidade de intervención na realidade, no social: a palabra, as palabras como ariete para penetrar o sentido último dos seres e das súas circunstancias e, sobre todo, para amosar a súa adhesión reivindicativa coas e cos máis desfavorecidos, violentados e oprimidos, como acontece en Papagaio e noutros versos, relatos e ensaios que empatizan con causas como a dos represaliados por mor da Guerra Civil, a loita libertaria dos pobos saharauí e palestino ou a fera crítica á coitelada do Prestige.
Así vía o mundo Luísa Villalta e ese foi o inmenso legado literario que nos deixou. A súa era unha filosofía ética e estética insubornable, radical por beber da raíz, de expresión altamente elaborada e concreción densificada, que tiña claras cales eran as bandeiras a defender: un estado de conciencia.
Suscríbete para seguir leyendo
- Guardias civiles expertos en ciberdelitos: «Vemos a jóvenes gallegos que, por 100 euros, abren cuentas bancarias destinadas a dinero estafado»
- Mueren una mujer de 51 años en un accidente de tráfico en Muíños y su marido tras recibir la noticia
- El ministerio niega la entrada a puerto al buque arrastrero «Novaya Zemlya»
- Un grupo de turistas se monta un picnic bajo las luces de la Navidad de Vigo
- «Tuve que renunciar a mucho y adaptar mi vida para conseguir ser jueza»
- El buque «Novaya Zemlya» descargará en Cuba tras el veto a hacerlo en España
- Cae un balcón de un tercer piso en la plaza de Compostela, junto al mercadillo de Navidad: «Pudo haber sido una desgracia»
- Un accidente de moto acaba con la vida del hijo del concejal del PP de Cangas José Luis Gestido


