Perspicaz e orixinal

A narrativa de Luísa Villalta

Luísa Villalta, en compañía de Cesáreo Sánchez Iglesias.

Luísa Villalta, en compañía de Cesáreo Sánchez Iglesias. / FV

Inma Otero Varela

Tamén neste eido a achega de Luísa Villalta foi relevante. Malia a que a narrativa adoita ser o xénero literario máis desatendido por parte da crítica, cultívao desde os comezos, acolle os trazos máis innovadores do seu tempo e dialoga co resto da obra de xeito coherente. Estréase en 1991 coa colección de relatos Siléncio, ensaiamos (Vía Láctea) á que seguirán, como libros independentes, as novelas Teoría de xogos (Laiovento: 1997) e As chaves do tempo (A Nosa Terra: 2001). Pero tamén participa nunha chea de antoloxías de relatos, o que nos indica que era unha escritora que se tiña moi en conta cando se quería facer unha panorámica contemporánea. Forma parte con “Lúa” do libro Narradoras (Xerais: 2000) onde, como se pode deducir, se presentaban as escritoras máis destacadas na década anterior, mesmo aquelas nas que se depositaban as esperanzas da primeira década do milenio. Aparece asemade en Materia prima (Xerais: 2002) con “Máis alá das raíces”, compilación que pretendía amosar a diversidade narrativa independentemente do xénero das autorías. Mais, á parte disto, o compromiso cívico que a autora demostrou ao longo da súa vida, isto é, a manifestación práctica da súa ideoloxía, alén de ter cabida na temática dos textos, está detrás da colaboración en moitas escolmas. Así, por citar algúns, achega o texto “A nación das últimas cousas” para a colección “Novo do trinque” que publica o BNG en 1997; o conto “Coa lingua de fóra” para Longa lingua. Contos da mesa (Xerais: 2002) que realiza a Mesa pola Normalización Lingüística, da que era socia; ou o relato “A idade das preguntas” publicado na revista Madrygal 7 en 2004 , protagonizado por unha rapaza que non entende que está a pasar no mar galego tras o desastre do Prestige.

Perspicaz  e orixinal

Luísa Villalta laborando nun mural. / FV

O anterior anuncia varias características. A primeira é a responsabilidade social, xa non só con aspectos concretos da actualidade como a reivindicación da memoria histórica para as vítimas do fascismo franquista, tal e como a aparece nalgún dos relatos amentados, senón tamén coa ambientación histórico-económica, por chamarlle dalgún xeito. A vasta cultura, propia dunha personalidade intelectual, unido ao talante especulativo próximo á filosofía, dotan de ferramentas desde as que analizar a lóxica do capitalismo serodio e as consecuencias alienantes para un suxeito galego e urbano, tal e como aparece na lírica, no ensaio ou nos artigos xornalísticos. As concrecións artísticas en diferentes xéneros non poden diluír un xenio creativo como o de Luísa Villalta. De aí que en Teoría de xogos se esmiúcen as dinámicas das grandes empresas que tentan dividir o cadro de persoal para poder explotalo mellor, ou que en As chaves do tempo se bote man dunha alegoría medieval que se remonta a absorción do reino de Galiza polo de Castela, para chegar ao final de século XX, grazas ás artes de Merlín, e comprobar como o individualismo, as condicións laborais, o ruído e a capitalización do tempo supoñen os novos perigos para a identidade.

Estas dúas obras subliñan outro dos trazos da autora: a centralidade das personaxes e das voces narrativas femininas que reverten a convención de retratos anteriores. Aparecen moitas mulleres nos relatos de Luísa Villalta que se proxectan como donas reflexivas, atentas ao que sucede ao seu arredor e que toman decisións. Unha particularidade de As chaves do tempo é que a narradora se declara desde as primeiras páxinas en feminino mentres manifesta que é o que espera das lectoras. Isto xa nos pon sobre aviso doutra singularidade: a experimentación discursiva, sobre todo no que se refire á enunciación. Todo casa. A ollada crítica cara o tempo que lle tocou vivir, o da apoteose do relato que anula calquera opción para a verdade, estimula o interese por quen administra a exposición dos feitos, é dicir, a voz narrativa. Deste xeito aparecen como narradoras cadelas ou árbores. Pero tamén a vocación lúdica e vangardista afecta ao quebrantamento da lóxica temporal, á estrutura dos textos ou á estabilidade das fronteiras entre ficción e realidade. Cuestións, en resumo, que nos indican que Luísa Villalta era unha narradora sagaz, orixinal e posmoderna.

Perspicaz  e orixinal

Nun xantar á canda, entre outros, de Manuel María. / FV

Teoría de xogos

Pasaron máis de vinte anos da súa publicación, pero segue a ser actual. Se cadra máis actual ca en 1997, malia o paradoxo. O título non agocha que se trata dun exercicio práctico das teorías de xogos popularizadas a finais do século XX. Neste caso interesa como se aplican á psicoloxía e á socioloxía, xa que a través delas se analizarán as relacións entre un grupo de persoas que comparten traballo nunha grande empresa e amizade fóra dela, nos comezos dos anos oitenta. A voz narrativa pertence á protagonista, unha rapaza nova que se traslada á cidade para iniciar experiencia laboral. Alí coñece a Tomasa, Sendín, Cristina e Pedro, co que comezará unha relación amorosa que el quere secreta. Co paso do tempo decátase de todos os vencellos ocultos, porque parte do xogo consiste en agochar as cartas para usalas mellor, non só no persoal. Cando a empresa se fusiona con outra e procede a reorganizar postos, afloran todo tipo de traizóns que non pode evitar Sendín, o sindicalista, un dos máis castigados.

Paga a pena a temática, a manifestación das prácticas depredadoras do mercado laboral e a miseria humana que fan agromar, pero paga tamén moito a pena o estilo narrativo, a estrutura e o debuxo da protagonista e narradora, unha personaxe que observa e experimenta, para logo reflexionar e decidir. En definitiva, a materia da que estaba feita Luísa Villalta.

Suscríbete para seguir leyendo