Reflexo e ritmo

Luísa Villalta e o ensaio

Luísa Villalta en Portugal, diante dun mural alusivo aos valores  do 25 de abril.  |  FOTO: ARQUIVO FAMILIAR / CENTRO RAMÓN PIÑEIRO

Luísa Villalta en Portugal, diante dun mural alusivo aos valores do 25 de abril. | FOTO: ARQUIVO FAMILIAR / CENTRO RAMÓN PIÑEIRO / FV

Manuel Naveira Fuentes

Hai un continuo eco que nos persegue a cada un de nós de xeito imparable, intanxible, insondable, inefable e inconcreto. E é precisamente este eco, que nunca se altera cando nos alteramos, nin nunca se tranquiliza cando soñamos, o que queremos reter, tanxir, sondar, afanar e concretar. Non hai máis, non hai menos.

Tal finalidade é a que demostra a obra de Luísa Villalta, verdadeira artista total, en todas as vertentes da súa arte; tal é a poética sobre a que se asenta a súa obra. E, por suposto, no eido do ensaio, o fondo villaltiano é tan vivo coma no resto de xéneros que empregou para mostrar á historia a cor do seu eco.

Grazas ás características do mesmo xénero literario, é no ensaio onde Luísa se mostra como unha auténtica pensadora das Letras Galegas; onde os eixos teóricos sobre os que se asenta toda a súa perspectiva artística se explicitan do xeito máis literal, directo e potente.

Bases do pensamento villaltiano: A base da obra villaltiana a estabelece a tensión dialéctica entre o son e o ruído, entre a harmonía artificialmente humana e o caos insoportabelmente natural, sobre a que toda a realidade, simplemente, é. Se esta é a ontoloxía villaltiana, metafísica concreta cuasi material, sobre a mesma se erixe unha concepción ética, segundo a cal o individuo se realiza totalmente no pobo, complétase sendo pobo, e a tensión positiva que se necesita para a existencia destas partes, individuo e pobo, é a que conforma a nación ó realizarse. Isto é, o individuo, para ser, é pobo, pero estes, ambos, son opoñéndose entre si, e tal oposición é a nación.

Se, por unha parte, na súa concepción ética podemos considerar certo esencialismo, por outra parte, na súa concepción ontolóxica, hai unha dialéctica, case metafísica, case corporeísta, mais enteiramente poética. A dialéctica villaltiana é a que se dá entre o ruído, ou realidade (a tese) e o son, ou poesía (a antítese), para dar lugar á música, ou vida (como síntese). Tal é a fórmula que descubriu e compuxo a poeta da concreción.

A tríade ensaística: Decidiu o ruído que o son villaltiano, no seu eido ensaístico, se concretase en tres músicas, ensaios, totalmente diferentes entre si, á vez que complementarios e reveladores da evolución no pensamento de Luísa. Comeza cun excelente labor de crítica literaria, de ollo incisivo e carácter académico, como é O Don Hamlet de Cunqueiro: unha ecuación teatral (Laiovento, 1992) onde, para afondar aínda máis no dilema hamletiano, a poeta da concreción tira dunha progresión entre o matemático e o metafórico,.

Logo da matemática vén a música, polo que o ollar acústico da brigantina decide centrarse en O outro lado da música, a poesía: relación entre ambas artes na historia da literatura galega (A Nosa Terra, 1999), onde busca, na historia das letras galegas, a relación e solución da dicotomía que fundamenta o seu pensamento e esencia para confirmarse: a da poesía e a música.

Finalmente pecha a tríade ensaística de Luísa Villalta a colección de artigos xornalísticos O libro das colunas (A Nosa Terra, 2005), xa póstumo, onde se revela como o sistema de ideas que mantén o paradigma de fondo villaltiano deu lugar a resultados de pensamento de diversa índole, mais todos sustentados cunha solidez férrea. Cobre este libro un treito de algo máis de dous anos, do 4 de xaneiro de 2002, co artigo “Escribir para quen”, até o 4 de marzo de 2004, con “Cultura, cultureta, culturismo”.

Tres modos de sintetizar un ensaio, tres modos de pensar, tres modos de ser. Se música é modulación, contraste, contrapunto, tensión e distensión, Luísa foi quen de elaborar un gran repertorio coral onde cada elemento é grazas a integrarse ou enfrontarse ós que o rodean, formando así unha sección; e aínda que cada unha destas seccións é quen de facer música por si mesma, a orquestra necesariamente queda conformada e confirmada pola totalidade destas. Do mesmo xeito que do outro lado da poesía está a música, do outro lado da percepción estética está en Luísa un auténtico sistema de ideas configurado e asentado, que denota o sabor e o saber dunha auténtica pensadora-poeta, dunha artista total.

O que é un eco

Toda a realidade é reflexo continuo dun único ruído inicial. Toda poesía é só unha rítmica ordenación de ruídos para achegarse ó son. E di Luísa, no apartado titulado “Finalmente todo volve ao sonido” (páx. 173), de O outro lado da música, a poesía:

“Entre a palabra e o sentido quebrouse a unidade e entre unha cousa e outra media xa un abismo no que criamos a conciencia do código. Ao comezo da cultura, ao comezo da comunicación, o sonido era ao mesmo tempo o xogo da forma e do significado. Agora xa non. No sonido-música pervive a forma auditiva que modula caprichosamente o seu caudal de significacións indiferenciadas. No sonido-palabra en cambio nacen as unidades lóxicas das significacións concretas, mentres se deixa escapar como irrelevante boa parte do torrente expressivo (…) que ficou na música, no outro lado”. Mostra aquí Luísa a súa procura dunha música, dun ritmo, que se reflicte constantemente no decorrer do tempo; parece pois que crear un son non é máis ca pretender concretar, procurar o eco que atravesa a realidade, e a vida. Dende logo que a seguinte máxima, que abre este O outro lado da música, a poesía, seguirá atronando nas letras galegas in saecula saeculorum: “Calquera que fose o principio de todo, o único seguro é que produciu un ruído”.Un ruído que retumba, un ruído que nos guía polos seus ecos.

E que é un eco? Un eco é reflexo e ritmo.

Suscríbete para seguir leyendo