O can mesías

Un perro le da la pata a su dueña

Un perro le da la pata a su dueña

Mar Mato

Mar Mato

Nunha das miñas expedicións á Terra baixa, propúxenlle a Pachi subir ao tornado. O can amosou moito interese. Desde que el chegou, a forza centrípeta da columna de aire amainou.

Como agradecemento a esta tranquilidade inesperada, decidín agasallarlle unha viaxe a Barcelona en tren antes dos Reis, á parte do galano que reciba esta noite de Nadal. Faleille do proxecto e gustou del.

Na web de Renfe, lin que podían subir cans, gatos e paxaros gratis sen límite de peso nos cercanías. A desilusión chegou coa media e longa distancia, Alvia ou AVE. Só podería viaxar se non pesaba más de 10 quilos (Pachi ronda os 20) e se cabía nun transportín de 60x35x35.

Pensei en facer trampa; quen ía pesar o can? Con tal de caber no transportín… Tomeille as medidas. Dende o sacro ata o fuciño, 70 centímetros. De alto, pasaba dos 40.

Salouquei. Expúxenlle a situación e falou: “Estou desilusionado. Por que un chihuahua pode ir no tren ata Barna e eu non? Por que el ten máis dereitos ca min?”

Fiquei abraiada, inda máis cando engadiu: “O axeitado sería abrir unha petición en Change.org, crear unha plataforma de afectados e sumar apoios de protectoras, sociedades animalistas… Neste século XXI, os pasos só poden ir avante”.

Diante miña, tiña un filósofo social canino. Neste ano e medio de vida familiar, permanecera agochado o seu saber, facéndose o durmido, calado como a Renée de “A elegancia do ourizo”. En que momento adquirira conciencia de clase?

Cando se facía o durmido, realmente estaba alimentando o seu disco duro con documentais, conversas, filmes, cancións… Sería Pachi unha excepción para “Science” ou o resto de cadelos eran así?

Los perros de entre 10 y 40 kilos podrán viajar en tren

Agencia ATLAS / Foto: EP

Só lle dixen: “Eu apóiote”. Entrei en Google para comezar a campaña ao tempo que o temor comezou a agromar. Temín que o seu espertar orwelliano seguira con ansias de liberdade, demanda de máis chuches, máis carne e menos penso, máis paseos sen correa, máis independencia. Igual tiña que coartar a súa Intifada. De seguido, sentín vergoña por este último pensamento.

Na fin de semana seguinte, no tren de Vigo a Pontevedra, el ollaba cara a ría co fuciño apoiado na fiestra. “Tiraches a toalla”, espetoume. Respondinlle que non, que loitaría por viaxar a BCN xuntos e que ir a Pontevedra supuña facer uso do seu dereito.

“Estás amansada”, terqueou. Fíxenme a vítima: “Nunca serei como as mulleres e homes de Irán, China e Rusia que se manifestan inda con risco de ‘desaparecer’. De onde sacan a valentía e forza para facelo?”.

Pachi respondeu: “Do lado máis escuro e luminoso da alma, dun oco que nin ti nin eu aínda temos, por sorte ou por desgraza”.

Suscríbete para seguir leyendo