Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Soutomaior celebra por todo o alto a súa Semana Grande

As festas do municipio reunirán a Mekanika Rolling Band, Bravú Xangai, Panorama, Kubo e París de Noia, ademais dun xantar popular, propostas gastronómicas e celebracións tradicionais para todos os públicos

Presentación da Semana Grande de Soutomaior.

Presentación da Semana Grande de Soutomaior. / Concello de Soutomaior

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
Soutomaior

O nome de Semana Grande non é casual. Soutomaior volverá vivir, do 1 ao 7 de agosto, sete días de celebración cunha programación que combina música, gastronomía, tradición e propostas pensadas para reunir a toda a veciñanza.

A programación ofrecerá alternativas para todos os públicos, desde grandes verbenas, concertos de pequeno formato e sesións vermú ata demostracións de cociña en directo, degustacións, celebracións tradicionais e un xantar popular con inscrición previa.

O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, explica que esta terceira edición presenta «unha programación feita para que toda a veciñanza poida vivir e compartir as festas do noso concello, combinando música de primeiro nivel, tradición, gastronomía e actividades pensadas para todas as idades».

Manu Lorenzo na presentación da Semana Grande de Soutomaior.

Manu Lorenzo na presentación da Semana Grande de Soutomaior. / Concello de Soutomaior

O rexedor pon tamén en valor o carácter participativo da celebración. «Estas festas son un reflexo do que somos como pobo. A gastronomía, as celebracións tradicionais e a implicación da veciñanza forman parte da nosa identidade e son fundamentais para seguir construíndo un Soutomaior vivo, dinámico e orgulloso das súas tradicións», destaca.

Sete días de música, gastronomía e tradición

A Semana Grande comezará o sábado 1 de agosto co tradicional chupinazo desde a Casa do Concello, previsto para as 21.00 horas. A Mekanika Rolling Band será a encargada de acompañar o inicio das festas cun pasarrúas ata a contorna da Igrexa do Divino Salvador. A primeira noite continuará, a partir das 23.00 horas, coa actuación da Orquestra Bravú Xangai, unha das formacións máis singulares do panorama musical galego.

O domingo 2 de agosto, a gastronomía local tomará o protagonismo coa celebración do Día da Cociña de Soutomaior. A xornada contará cunha sesión vermú amenizada por Biversión, dúo integrado por Lucía Lugrís e Víctor Movilla; unha demostración de cociña en directo e unha degustación a cargo de cociñeiras e cociñeiros do municipio; o Xantar Popular e, durante a tarde, a actuación do Dúo A Visión.

As grandes verbenas chegarán ao torreiro da Feira da Dez o luns 3 de agosto coa Orquestra Panorama, acompañada dunha sesión de La Mega CD. O mércores 5 será a quenda da Orquestra Kubo e da discomóbil Dolce Vita.

As tradicións locais terán tamén un espazo destacado. O xoves 6 celebrarase o Día de San Salvador, coa procesión acompañada pola Banda de Música Artística de Arcade.

O venres 7 terá lugar a tradicional Romaría de San Caetano na ermida situada no Castelo de Soutomaior, cunha sesión vermú amenizada por Aires da Castrelada. Xa pola noite, a Orquestra París de Noia e a discomóbil EME Music serán as encargadas de poñer o broche final á terceira edición da Semana Grande.

Un xantar para facer comunidade

Unha das actividades centrais será o Xantar Popular que se celebrará o domingo 2 de agosto na carballeira da contorna da Igrexa de San Salvador.

A cita reunirá centos de veciñas e veciños nunha xornada festiva na que non faltarán a gastronomía, o bo ambiente e as ganas de compartir mesa nun dos espazos máis emblemáticos da parroquia.

Para Manu Lourenzo, «o Xantar Popular representa á perfección o espírito da Semana Grande: un encontro aberto, participativo e pensado para que persoas de todas as idades compartan unha xornada inesquecible». Neste sentido, o alcalde sinala que o obxectivo é «seguir recuperando e fortalecendo eses espazos de convivencia que fan comunidade e que converten Soutomaior nun concello vivo, unido e orgulloso da súa xente».

As reservas poderán realizarse ata o mércores 29 de xullo. O prezo será de 20 euros por persoa e o pagamento poderá efectuarse mediante Bizum, no número 659 494 822, ou por transferencia bancaria á conta do Banco Santander ES14 0049 6599 6828 1004 5128. No concepto deberá indicarse o nome e os apelidos da persoa que realiza a reserva. Unha vez efectuado o pagamento, os tickets poderán recollerse nas Oficinas Xerais do Concello presentando o DNI, ou unha copia, da persoa titular.

As asociacións rexistradas no Concello tamén poderán tramitar conxuntamente as reservas das súas persoas asociadas mediante un único ingreso polo importe total. O Concello lembra que será imprescindible presentar o ticket para acceder ao xantar.

Servizos complementarios

Para que a veciñanza poida gozar das grandes verbenas con maior comodidade, o Concello habilitará un servizo de autobús lanzadeira os días 3, 5 e 7 de agosto.

O vehículo conectará de maneira continua o Pavillón da Montesiña Alfonso Pazos co torreiro da Feira da Dez, en Candán. As viaxes de ida e volta realizaranse entre as 21.30 e as 23.30 horas e, posteriormente, desde as 00.00 ata as 03.00 horas.

Tracking Pixel Contents