Sociedade

Baiona participa no Día das Vilas Mariñeiras

Trátase da VI edición e ten lugar hoxe en Santoña

d.p.

A Asociación Vilas Mariñeiras á que Baiona pertence desde a súa fundación, celebra hoxe a VI edición do Día das Vilas Mariñeiras.Nesta ocasión, a Vila anfitrioa será Santoña, en Cantabria. Esta festa anual é promovida pola Asociación Vilas Mariñeiras, integrada polo municipio anfitrión xunto a Baiona, Ribadesella, Llanes, San Vicente de la Barquera e Laredo.

O obxectivo da asociación con este evento é dar a coñecer as propias vilas, poñer en valor os seus recursos turísticos, culturais e gastronómicos e afianzar a imaxe a nivel interno nos propios municipios. As actividades organizadas supoñen tamén unha gran oportunidade para que confraternicen a veciñanza das seis localidades cántabras, galegas e asturianas, que estarán representados polas principais autoridades municipais, así como por diferentes colectivos sociais e culturais .A celebración vai rotando a súa sede cada ano para incrementar o impacto dunha aposta na que se tenta transmitir a esencia destes recunchos cheos de tradición e cultura sempre ligada ao mar.

O programa de actos previstos comeza ao mediodía co pasarúas de todos os grupos participantes, que no caso de Baiona, será representada polo “Grupo Ardelume Baíña”.

Haberá unha mostra de folclore, para despois facer entrega do premio ‘Vilas Mariñeiras’. Como colofón, ás 14.30 horas, comezará a comida de irmandamento.

Para a Asociación de municipios turísticos Vilas Mariñeiras, desde a súa creación en 1998, o principal obxectivo foi o de poñer en valor e aproveitar os recursos marítimos e pesqueiros destes municipios para promocionar un turismo sostible durante todo o ano.